David Noya no "Novembro, mes do humor" do Concello de Fene

Museo do Humor   Noticias  

O ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor de Fene continúa este venres, 10 de novembro, coa actuación do humorista e actor David Noya. Esta segunda función do “Novembro, mes do humor” comezará o venres ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene.

As persoas que desexen asistir ao espectáculo deberán recoller as súas invitacións (máximo 2 por persoa) o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 18.30 horas. Espectáculo para público adulto. Entrada de balde.

David Noya é “un auténtico showman sobre o escenario”. Comezou aos 14 anos facendo teatro na Agrupación Teatral Mariñan de Betanzos e compaxinando esta afición con colaboracións na emisora de radio local. Co paso dos anos foi facéndose un oco no mundo da interpretación (participou en máis de vinte obras teatrais, seis curtametraxes e diversas series de televisión).

No ano 2004 proclamouse gañador da 2ª edición do programa concurso “El Rey de la comedia” da TVG e foi copresentador e reporteiro do programa “Arrampla con todo” e “Máis galego”, tamén da Televisión de Galicia. Ademais, compartiu escenario con outros “grandes” do humor galego como David Amor, Digón ou Manquiña.

Na actualidade David Noya compaxina a súa faceta de actor e presentador de eventos coa de monologuista por salas de todo o país. O seu estilo é descarado e socarrón e non deixa a ninguén indiferente.

Organiza: Concellería de Cultura de Fene
Colabora: Deputación da Coruña (Rede Cultural)