O Concello de Fene convida á veciñanza ó ciclo de monólogos "Novembro, mes do humor"

Museo do Humor   Noticias  

A entrada é gratuíta, previa retirada de convite na Casa da Cultura

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a posta en marcha do ciclo de monólogos "Novembro, mes do humor". Un ciclo no que tomarán a palabra os cómicos e humoristas Aldaolado, Marcos Pereiro, Carmén Méndez, Caxoto e Federico Pérez e que se celebrará todos os venres do mes no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite. As funcións desenvolveranse a partir das 20 horas, agás o día 9, que arrancará ás 21 horas.

Inaugurará o ciclo Aldaolado, co seu monólogo "Cría fama e bótate a correr". Será este venres, 2 de novembro, ás 20 horas. A recollida de invitacións (dúas por persoa) deberá realizarse o mesmo día do espectáculo a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene).

Tras o seu paso polo Luar, Aldaolado reflexionan sobre as virtudes e baixezas da fama. E que mellor lugar para facelo que sobre os escenarios e con este novo espectáculo onde as poetas se reinventan a si mesmas, airean as súas vergoñas antes de que o fagan nas revistas de papel cuché e comparten cos asistentes os poemas que as sacarán de pobres e aqueles que merecen os máis escuros agochos.

Cría fama e bótate a correr sérvese da unión de poesía, música en directo e humor que caracteriza o dúo, pero nesta ocasión achega novas cancións, poemas inéditos e inesperadas sorpresas para quen desexe emocionarse e rir nunha velada que é moito máis que un recital de poesía.

Aldaolado son Lucía Aldao e María Lado, poetas de consolidada carreira, que no 2005 uniron os seus nomes e os seus esforzos para dar lugar a este dúo orientado á poesía escénica, co que conseguiron facer do recital un acto atractivo, próximo e divertido para todo tipo de público, mesmo aquel que nunca leu poesía. A súa espontaneidade e complicidade en directo é a base sobre a que crearon case unha ducia de espectáculos. Con eles actuaron en centos de escenarios do máis variado, tanto en Galicia como máis aló das nosas fronteiras. Tamén lles dou tempo de facer unha boa morea de fans aos que queren render homenaxe nesta nova montaxe.

Tomará o relevo o 9 de novembro Marcos Pereiro co seu monólogo Como ser armario empotrado; Carmén Méndez o 16 de novembro con Química; á semana seguinte, Caxoto con Que morro!!! e, pechando o ciclo, Federico Pérez, o 30 de novembro, con A noite do capador. 

En todos os casos, trátanse de espectáculos para público adulto, organizados pola Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación.