Federico Pérez pecha este venres o ciclo de monólogos do Museo do Humor con “A Noite do Capador”

Museo do Humor   Noticias  

A función celebrarase a partir das 20 horas e a entrada é gratuíta, previa retirada de convite, o mesmo venres, na Casa da Cultura

“A Noite do Capador” é o título do monólogo co que o actor Federico Pérez porá este venres o broche de ouro ó ciclo "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa. Será a partir das 20 horas con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite –dúas por persoa-, o mesmo venres a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura.

Ninguén pregunta por Fede, senón por Josito, porque media Galicia pensa que se chama así. O éxito de Padre Casares, un dos proxectos televisivos cos que saltou á fama, situou a este lingüista de Mazaricos como unha das caras imprescindibles do audiovisual en Galicia. Traballara antes en Libro de Familia, O show dos Tonechos, Mareas Vivas ou Air Galicia, ademais de en filmes como 18 comidas, Retornos ou Mar Adentro. Sobre as táboas participou en O Florido Pensil e Presidente, e co monólogo Ración de Breogán fixo rir a media Galicia en decenas de teatros e auditorios. Acompañou a Touriñán no espectáculo Curtis e Teixeiro, e con Marcos Pereiro interpreta a un dos membros do dúo cómico - musical Os Tristes. Agora volve ao humor en directo con “A Noite do Capador”.

A función, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.