A Casa da Cultura acolle a mostra “Pictografías” de Eduardo Hermida

Museo do Humor   Noticias  

Poderá visitarse ata o vindeiro 27 de abril con entrada libre

A Casa da Cultura de Fene acolle a mostra de fotografía e pintura “Pictografías” do creador Eduardo Hermida. O pasado venres tiña lugar o acto oficial de inauguración coa presenza do artista e do alcalde, Gumersindo Galego, e dende entón pode visitarse de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h, e sábados de 10 a 13 h. Así será ata o vindeiro 27 de abril.


Trátase do traballo dos dous últimos anos do creador nos que, tal e como sinala, tenta “buscar un diálogo entre a fotografía e a pintura”. Un encontro que non é casual xa que, asegura, “como estudiei deseño gráfico na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, considérome pintor de oficio pero sen a teoría do arte”. Así, no seu traballo busca “esa relación directa que existe entre a materia e o arte manual que inspira as miñas composicións”. E sen esquecerse das súas influencias do pop art, nos últimos tempos ten evolucionado cara un expresionismo figurativo. Así, busca a forza da fotografía nun marco diferente e, neste sentido, as súas fotografías son moi pictóricas para os fotógrafos e moi fotográficas para os pintores.


Eduardo Hermida afirma que na pintura segue a ser fiel ás súas cores: turquesas, ocres, vermellos intensos… unha pintura optimista, moi colorista e vital con todo o que o rodea a diario: o barrio, as personaxes del, os amigos… e nesta exposición tenta tamén pór parte deses viaxes que o marcan anualmente, a Madrid e a Bilbao. Museos como o Guggenheim, o Prado ou o Raíña Sofía, que son referentes na súa obra. Tamén é moi importante nesta mostra a presenza da muller, á que rinde homenaxe como muller nai, amiga, compañeira, amante… e, sobre todo, cómplice ideal. Por último, en “Pictografías” tamén quero amosar parte do seu traballo nunha vitrina na que, visualmente, expresa o oficio de pintor