Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
30-10-2023

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2023 e pon en marcha un novo Novembro, mes do humor

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2023, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 3 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Borja Ramón López Cotelo (coñecido artísticamente como “El primo Ramón”), Iván Mouronte Barreiro e Lucía Rodríguez Cid recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
23-10-2023

Clausura da exposición “40º aniversario da revista Can sen dono” no Museo do Humor Xaquín Marín

Este venres 27 de outubro clausúrase no museo fenés a exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo Museo do Humor Xaquín Marín e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia - Xunta de Galicia. O programa contempla unha visita guiada á mostra, ás 18 horas, e unha charla, ás 20 horas, sobre os fanzines dos anos oitenta, xa que Can sen dono aparece en Galicia en plena efervescencia de fanzines e follas voandeiras como Fat City, El patito feo, Bitácora 43 ou O ollaparo. A conferencia correrá a cargo da profesora e escritora Rosa Cal, autora da tese doutoral “La prensa alternativa en la zona no urbana de Galicia (1975-1984)” e tamén contará coa participación do comisario da mostra, Paco Oti, e da actriz Mabel Rivera, promotores nos anos oitenta dun fanzine no seo da factoría fenesa Astano. Ambas as dúas actividades seran con entrada libre e de balde.
06-09-2023

O Museo do Humor Xaquín Marín festexa o 40º aniversario da revista Can sen dono

A finais de 1982, na contorna do Primeiro Seminario Galego do Humor, celebrado no Museo Carlos Maside de Sada, e baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo, un grupo de debuxantes de Vigo presentaba o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar “Can sen dono”. A publicación foi unha realidade en 1983, ano no que ve a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato. Desde esta data ate 1989 (e con 23 números publicados e catro extraordinarios), máis de medio cento de humoristas gráficos e tamén algúns humoristas literarios chegaron a participar nesta revista satírica galega que agora, corenta anos despois, o Museo do Humor Xaquín Marín se dispón a homenaxear. Este venres 8 de setembro, ás 20 horas, inaugúrase a exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo museo e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia). 
19-07-2023

Restauración do mural pola paz de Xaquín Marín na fachada do Concello

Tralo repintado do mural “Todos metidos nun bote” (Avda. das Pías), que a Concellería de Cultura promoveu hai un ano no marco das actividades ao redor da exposición antolóxica “Volta á orixe”, un grupo de usuarios/as do Centro Ocupacional de Aspaneps de Fene traballa estes días na recuperación doutro mural da Xaquín Marín, o que se amosa na fachada da Casa do Concello. Trátase dunha obra alusiva ao desarme e en favor da paz. O mural foi pintado orixinalmente no ano 1983, coincidindo coa declaración do termo municipal como “zona desnuclearizada”, o que significaba a “prohibición de autorización para instalación de enxeños nucleares, tanto bélicos como xeradores de enerxía, así como impedir o paso de camións con pezas para estas instalacións”. A actuación sobre este mural esta previsto que remate antes de finais de mes. 
06-07-2023

Borja Ramón López Cotelo, Lucía Rodríguez Cid e Iván Mouronte Barreiro son os gañadores do XXVII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mércores, 5 de xullo, no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucía Rodríguez Cid o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mouronte Barreiro o 1º premio na recén estreada categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, resultaron finalistas do certame Manuel Arriaga de León (Curuxa), Adrián Jamardo Fernández (Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo (Caricatura). E reciben mención especial polos seus traballos os debuxantes Carles Ponsí Dalfó (Curuxa) e Asier Sanz Nieto (Caricatura). O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Santy Gutiérrez, Manuel A. Vázquez Búa (gañador do 2º premio Curuxa 2022) e Pedro Bouza Bernárdez (gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022).
04-07-2023

Santy Gutiérrez, Alejandro Vázquez Búa e Pedro Bouza forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2023 que se reúne este mércores en Fene

O humorista gráfico Santy Gutierrez, o gañador do 2º premio Curuxa 2022, Manuel Alejandro Vázquez Búa, e o gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022, Pedro Bouza Bernárdez, forman parte do xurado do XXVII Concurso de Humor Gráfico “Premios Curuxa 2023” que se reunirá este mércores, 5 de xullo, ás 12 horas no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, completarán o xurado o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
27-06-2023

A IV Mostra do alumnado Laudas Calamity xirará sobre a “Arte e trastornos mentais”

Vinte e tres proxectos expositivos compoñen a mostra do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se inaugura este venres, 30 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A exposición ten como obxectivo “sensibilizar aos novos públicos sobre os trastornos mentais, un tema difícil e doloroso sobre o que aínda existen moitos medos, tabús, estigmas...”. Ao redor da mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 16 de agosto, a responsable do Laboratorio, Laura Bouza, anuncia unha charla sobre a “Arte e trastornos mentais” a cargo do profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego. A conferencia será o venres 14 de xullo ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.
08-06-2023

Entrega de premios do I Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Iago González, do CEIP Canosa Rus, foi finalista nesta primeira edición do concurso

Coincidindo coa conmemoración da semana dos museos en internet, tamén chamada Museum Week, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial entregan esta tarde en Fene os premios do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno” que, nesta primeira edición, xirou en torno ao tema: “Galiza e a súa riqueza natural”. As obras presentadas ao certame e as gañadoras xa se poden ver na web museodohumor.fene.gal nunha exposición virtual. E no vindeiro mes de novembro, coincidindo co aniversario do museo, os debuxos gañadores formarán parte da exposición dos Premios Curuxa 2023.
22-05-2023

Últimos días para participar no XXVII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Os orixinais poderán presentarse até o vindeiro 31 de maio

A poucos días de pechar o prazo de presentación de orixinais, a Concellería de Cultura anima aos/ás debuxantes a participar nunha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Como principal novidade, nesta edición, os Premios Curuxa inclúen una nova categoría, amais da Curuxa, para maiores de 25 anos, e da Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos. Trátase da categoría “Caricatura” na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
19-05-2023

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”

No marco das actividades organizadas ao redor do Día das Letras Galegas e do Día dos Museos, a Concellería de Cultura de Fene anuncia un taller de creación de libro de artista, inspirado na figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano polo 17 de maio. A actividade, titulada “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”, terá lugar o sábado 27 de maio ás 11 horas nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín e vai dirixida a persoas (nenos ou adultos) a partir dos oito anos. A participación no taller é gratuita pero cómpre apuntarse antes do venres 26 de maio ás 14.00 horas enviando un correo a cultura.deportes@fene.gal, indicando o nome completo da persoa e un teléfono de contacto. Prazas limitadas (10).