Os premios Curuxa

Museo do Humor   Os premios Curuxa

Dende o primeiro día en que se puxo en marcha o Museo do Humor de Fene, os seus responsables falaron da “necesidade de crear un concurso prestixioso, que viñera reforzar aos contadísimos que existían” e non tardaron nin un ano en poñelo en marcha.

Pero...por qué chamalo “Curuxa”?  

“A Curuxa é un animal ben simpático agás para os ratos e demais roedores. É un paxaro que actúa con nocturnidade pero sen aleivosía, e quizais por iso algúns o relacionan coa morte. É un paxaro filosófico que, sumido nas súas fondas cavilacións, ten tempo para choscar o ollo e para quitarlle ferro aos pensamentos ou para mandar calar cando vai farto de escoitar parvadas”.


Unha vez posto e xustificado o nome, procedeuse a crear a figura para os premiados. Encargóuselle a Isaac Díaz Pardo, quen á súa vez tivo reflexos de pedirlle o deseño a quen mellor podía facelo, o ceramista Francisco Xosé Pérez Porto. Destes dous homes e de todos os homes e mulleres que participaron logo na súa elaboración, xurdiu unha fermosa figura que se converteu no símbolo do premio.

Ademais, durante moitos anos, arredor da entrega destes galardóns anuais organizáronse exposicións, conferencias, actuacións e concursos,  converténdose nunha cita fundamental na programación anual do Museo as súas “Xornadas do humor”.
Cómpre salientar tamén que a Asociación de Amigos do Museo do Humor impulsou en varias edicións do certame a publicación dun catálogo  cos debuxos finalistas e gañadores do mesmo.

Na súa primeira etapa, os Premios Curuxas convocáronse de xeito ininterrompido e cunha periodicidade anual dende 1984 ata ao ano 2007. Grazas a eles, o Museo do Humor de Fene foi acadando unha dimensión internacional, amosando hoxendía na súa exposición permanente ao redor de 300 debuxos de humoristas gráficos de todo o mundo, amais de reunir no seu arquivo entre 3000 e 4000 orixinais.

Posteriormente, en 2014, coincidindo coa conmemoración do XXX aniversario do Museo do Humor, o Concello de Fene  decidiu recuperar o concurso co obxectivo de seguir premiando e recoñecendo o traballo dos mellores humoristas gráficos.

Coa recuperación e o novo impulso aos Premios Curuxa, o Concello de Fene quixo outorgar ao Museo do Humor unha maior proxección pública, tanto en Galicia coma no resto de España, amais de recuperar o seu papel fundamental na ampliación dos fondos do museo.

Aínda que os Premios Curuxa artelláronse inicialmente en cinco categorías: Curuxa Gráfica, Curuxa aos Medios, Curuxa Nova, Curuxa de Honra e Curuxa de Barro, na actualidade éstas quedaron reducidas a tres:

  • Curuxa (para maiores de 25 anos)
  • Curuxa Nova (de 16 a 25 anos).
  • Caricatura (maiores de 16 anos)

Ao longo da súa traxectoria, foron moitos os autores/as que se fixeron co premio Curuxa. A maioría deles son, na actualidade, humoristas gráficos plenamente consagrados.

Descargas
Ligazóns