Novas
-
Nova xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do escritor mugardés Pablo J. Rañales
Sobre o libro Os afogados (Premio Illa Nova de Narrativa 2023), de Pablo J. Rañales, xirará este mércores unha nova sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18.00 a 19.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.
-
O informático e autor de Microsiervos, Javier Pedreira “Wicho”, pecha este xoves o ciclo Contando Ciencia
Os valores de casa para andar pola rede é o tema da derradeira charla de Contando Ciencia. O ciclo que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino trae esta semana a Fene ao informático e autor de Microsiervos, Javier Pedreira, máis coñecido coma Wicho. A conferencia terá lugar este xoves, 25 de abril, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.
-
A Biblioteca Municipal de Fene conmemorará o vindeiro martes o Día do Libro con maxia para soñar
Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio”, festexará a biblioteca de Fene o Día do Libro, o vindeiro martes 23 de abril, ás 18 horas (entrada libre e de balde até completar o aforo). Trátase dunha función de maxia clásica adaptada aos nosos tempos, con aparicións e desaparicións, levitacións imposibles e maxia interactiva na que o público será o grande protagonista.