A Casa da Cultura de Fene acolle a mostra colectiva do grupo artístico ARTE CUATRO

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

A Casa da Cultura de Fene acolle a mostra colectiva do grupo artístico ARTE CUATRO

Trátase dunha mostra colectiva de pintura e fotografía do grupo artístico ARTE CUATRO e poderá visitarse nestas instalacións culturais ata o día 27. Leva por título “5 ESTILOS, 5 CREADORES, 5 MIRADAS”, e os artistas que amosarán os seus traballos de pintura e fotografía son: José Higuero, María Teresa López, Manuela Castro, Manoly Miraz e Luisa Fernanda Chavete.
A mostra estará a disposición do público de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas e os sábados de 10 a 13 horas. O sábado 14 e o mércores 18 de febreiro, a sala de rxposicións permanecerá pechada por mor da celebración do Entroido. Polo mesmo motivo, o luns 16 e o martes 17 o horario de apertura será de 10 a 14,15 horas.
A continuación, unha breve reseña de cada artista:
Pepe Higuero. Xornalista e fotógrafo cunha experiencia de máis de catro décadas. Ten protagonizado exposicións en Extremadura, Galicia, Castela e León, Andalucía, Madrid eBarcelona. Fóra de España en Oriente Próximo (Líbano) co Instituto Cervantes; Bruxelas, Luxemburgo e París. É fundador do colectivo FOTOSUR.  
Manoly Miraz. Natural de Ferrol, ten participado en numerosas exposicións en Huelva, onde reside, e na cidade naval, tanto colectivas como individuais. Nos seus óleos gusta da variación, alcanzando diversos elementos da paisaxe como son a campiña mar galega en perfecto irmanamento cos campos e marismas onubenses. Conta con distintos diplomas e accésits.
Manuela Castro. Artista de Ferrol, pintora e profesora. No seu currículum destacan recoñecementos e premios en diferentes certames. Participa no coñecido evento “Arte na Rúa”, denominado “As Meninas de Canido nos anos 2008, 2009 e 2010.
Luisa Fernanda Chavete. Pintora ferrolana de profesión enfermeira. Cun gran percorrido, comezou coa técnica do óleo e seguiu co acrílico e a acuarela. As súas obras están baseadas en bodegóns, frores e paisaxes de gran colorido.
Maite López. Tras máis de 40 anos de traballo como xornalista en Cadena Cope Ferrol, comezou a cultivar a súa paixón pola fotografía. Dende decembro de 2012 e ata hoxe foron sete as exposicións realizadas en todo o territorio nacional.