O Concello de Fene celebra por todo o alto o Entroido con festa infantil, desfile e festival de comparsas e verbena con orquestra

CONCELLERÍA DE CULTURA E DEPORTES

O Concello de Fene celebra por todo o alto o Entroido con festa infantil, desfile e festival de comparsas e verbena con orquestra

Fene celebra o Entroido por todo o alto. Así, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, invitou a nenos e maiores a tomar parte na programación deseñada polo Concello neste 2015. Unha programación que arrancará este martes, 17 de febreiro, cunha gran festa infantil para os máis pequenos da casa. Será  a partir das 17.30 h na praza do Concello, onde se instalou unha carpa de grandes dimensións para evitar que o mal tempo inflúa no transcurso das actividades. Estará amenizada polo grupo Nueva Onda, e música e baile serán os grandes protagonistas. Así mesmo, a edil apuntou que os nenos poderán degustar lambetadas típicas do Entroido. A entrada, de balde.
O mércores 18 de febreiro chega a xornada central do Entroido en Fene. Mércores de cinza e festivo local no municipio. Arrancará co tradicional desfile de comparsas, no que se inscribiron ata 15 agrupacións que, coas súas cancións e bo humor, concentraránse ás 17.30 h na rúa Cádavo para iniciar ás 18.00 h un percorrido polo centro urbano. Chegarán á praza do Concello e, alí, baixo carpa, celebraráse o festival de comparsas. Fogos de artificios porán a nota de cor á xornada, que este ano terá o broche de ouro coa actuación estelar da orquestra Aché na mesma carpa e xa entrada a noitiña.Dispositivo especial de tráfico Entroido 2015
Así mesmo, a Policía Local de Fene informa do dispositivo especial de tráfico deseñado por mor dos actos programado no marco do Entroido 2015. Así, os axentes informan de que o tráfico estará cortado na Avenida do Concello entre as 16 horas do martes 17 e as 16 horas do xoves 19. Zona na que quedará prohibido estacionar nesa franxa horaria. Se os traballos de limpeza e desmontaxe da carpa ubicada na praza do Concello conclúen antes da hora sinalada abriráse ao tráfico a vía.
Doutra banda, o mércores 18, dende as 18 horas e por mor do desfile de comparsas, a Policía anuncia cortes de tráfico intermitentes nas seguintes rúas: Cádavo a partires das 17 horas, punto de concentración das comparsas; Avda. Marqués de Figueroa e Avda. Naturais. Cortes que tamén afectarán aos cruces das rúas que dan ás avenidas. Axentes da Policía Local e persoal voluntario de Protección Civil participarán no dispositivo.
Así mesmo, a Policía informa de que a veciñanza ten á súa disposición os seguintes números de teléfono en caso de dúbidas ou peticións de información: 981 492 777 e 609828 744. Por último, agradece de antemán a veciños e usuarios das vías afectadas a súa colaboración nestes actos.