O profesor César Martínez asina a Declaración Institucional do Día da Patria Galega

O profesor César Martínez asina a Declaración Institucional do Día da Patria Galega

O acto comezará ás 20.30 horas no parque Lineal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”.

Dende hai 18 anos o Concello de Fene encarga este texto a unha persoa de recoñecida traxectoria no ámbito sociocultural e que, ademais, teña colaborado co Concello de Fene. Nesta ocasión o autor é César Martínez Yáñez que foi director do colexio de Barallobre.

Membro do colectivo Avantar e autor dos primeiros textos para o ensino do galego, “O noso galego”, César Martínez Yáñez ten desenvolvido un amplo e intenso traballo a prol da dinamización lingüística, da extensión do uso social do galego e da renovación pedagóxica. Publicou diferentes traballos e artigos sobre a normalización do galego, amais de ser coordinador docente da lingua galega.

Foi concelleiro de cultura do Concello de Fene dende onde impulsou, entre outras iniciativas, o nacemento de Radio Fene, do Taller Municipal de Vídeo, do Museo do Humor de Fene, da Mostra de Teatro Infantil Galego “Xeración Nós”  ou a reinauguración do Monumento ao Camiñante Descoñecido na súa ubicación actual.

Hoxe en día, está xubilado aínda que segue participando do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, movemento ao que representa no Consello Escolar Municipal (organismo no que preside a Comisión de Dinamización Lingüística e Socioeducativa).

Mañá venres, César Martínez Yañez será o encargado de ler a declaración institucional do Concello de Fene polo Día da Patria Galega, na penúltima xornada do ciclo que organiza a Concellería de Cultura. En anos anteriores, asinaron este texto autores/as da talla de Xosé Luis Méndez Ferrín, Bieito Iglesias, Rosa Aneiros, Pablo Bouza Suárez, Nico Vidal, Iria López Teijeiro, Carlos Negro, Rafa Villar, Paloma Rodríguez, Matilde Castro, Arsenio Iglesias, Eduardo Estévez, Xosé María Rivera Arnoso, Mariola Hermida, Agustín Fernández Paz....