Doa sangue

Doa sangue

A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non prexudica a nosa saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA).

Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.

A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.

Para calquera consulta sobre a doazón de sangue ou coñecer os desprazamentos das unidades móbiles, o Centro de Transfusión de Galicia dispón da páxina web http://ctg.sergas.es e unha liña de atención telefónica gratuíta: 900 100 828.

 

Descargas
Vídeos