25 de xullo, Día da Patria Galega

25 de xullo, Día da Patria Galega

É un privilexio e motivo de ledicia poder dirixirme aos meus conveciños, amigos e amigas de Fene nunha data tan sinalada coma esta: O Día da Patria Galega. Para min Fene é unha terra que me acolleu nos anos setenta e que, co agarimo voso e de tantos e tantas que nos deixaron, me fixeron sentir como miña. Dende entón exercín aquí, con máis ou menos acerto, a miña vida profesional e social.
Un día simbólico merece algunhas reflexións sobre cál é o piar central no que repousa a nosa identidade nacional.
Tiven a fortuna de nacer monolingüe galego, se ben é certo que co enorme esforzo da miña familia e  o apoio de persoas  de ben, acadei unha formación académica que me permite expresarme nalgunhas outras linguas. Cando esperto cada día recoñezo esta circunstancia como a miña máis prezada herdanza.
Dende a humildade quixera facer unha crítica e algunhas suxestións para que un tesouro tan singular non se arrombe pola nosa desidia.
Non temos dereito a agredir unha lingua que forma parte do contexto cultural universal.
Laiámonos cando a barbarie e o fanatismo destrúen con alevosía monumentos milenarios. Que mágoa!
Cando alguén renuncia á súa fala milenaria, cando lles nega a transmisión aos seus fillos e netos, tamén agrede nun dobre senso: contribúe á destrución dun patrimonio universal e empobrece culturalmente as persoas que máis quere. Que grande mágoa!
Xa sei que a miña voz significa ben pouco, pero non me resisto a chamar ás institucións e ás conciencias dos seus responsables, aos políticos electos, aos axentes sociais, ao estamento relixioso… a dar exemplo construíndo en vez de rexeitar, louvando en vez de desprezar.
Sería ben sinxelo e motivaría á cidadanía. Temos abondosos e fermosos exemplos que agromaron entre nós, en Fene e na bisbarra, que abondaría con seguir o seu ronsel para atallar o desleixo. Persoas e colectivos que se implicaron ata sufriren a crítica, o desprezo e mesmamente a represión: o movemento obreiro, os chamados cregos obreiros, colectivos de renovación pedagóxica e galeguización do ensino, dinamizadores do movemento veciñal e unha manchea de creadores dos que Fene e a bisbarra poden e deben estar fachendosos.
Se esta sementeira dos últimos cincuenta anos foi espectacular (agardo que algún día os historiadores e sociólogos se fagan eco), hoxe seguimos a contar con mulleres e homes comprometidos en diferentes eidos coa terra e coa lingua. Un admirable patriotismo cotiá.
Seguir a súa traxectoria, deixarse levar polo engado da nosa lingua e da nosa fértil cultura non custa tanto. Todos, todas, podemos contribuír, temos a responsabilidade histórica de contribuír; se así non for, a historia nolo recriminará. Trátase dun pequeno esforzo onde a vontade de cada quen abonda para garantir e preservar o futuro do noso mellor tesouro: a lingua galega.
Máis difícil o tiñan as Irmandades da Fala cando hai cen anos comezaron unha andaina pola dignidade. Ou os clásicos co seu legado exemplar, sempre actual e fonte de inspiración.
Neste Día da Patria Galega 2017, quén mellor que Manuel María, esgrevio creador e patriota, para sinalarnos co seu poema “Galicia” o sinxelo camiño  a seguir. Co seu permiso e coa lembranza do benquerido e admirado Agustín Fernández Paz, grandísimo creador, tan vencellado a este concello, que tamén rematou o seu fermoso manifesto do 2007 coa derradeira estrofa deste poema. In Memoriam e dende Fene, reclamo para o galego con esperanza a vitalidade e  o futuro das mil primaveras máis polo que ámbolos dous loitaron con fe.

      Galicia
Galicia docemente
está olllando o mar:
¡ten vales e montanas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
¡cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pro hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
en tí tés que atopala!

Manuel María, Os Soños na Gaiola (versos pra nenos).
Ed. Celta. Lugo, 1972


César Martínez Yáñez.

Declaración institucional do Concello de Fene.
Xullo 2017