Comeza o obradoiro literario "Poesía: a grafía da emoción"

Comeza o obradoiro literario "Poesía: a grafía da emoción"

Unha veintena de persoas participará no obradoiro de poesía

Na primeira sesión, que terá lugar este xoves ás 18.30 horas na ula de estudo da biblioteca municipal, o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, será o encargado de presentar a actividade para a que se cubriron as 20 prazas ofertadas. O perfil dos/as alumnos/as matriculados no obradoiro é moi variado. Aínda que a maioría son mulleres, tamén se apuntaron catro homes, e a idade dos/as participantes oscila entre os 16 e os 72 anos.

Estimular a sensibilidade poética, fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía e traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes, amais de fomentar o gusto pola lectura poética e enfrontarse ao público (recital de poesía). Son algúns dos obxectivos deste obradoiro de creación literaria que organiza en Fene a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio da Deputación da Coruña e Consellería de Cultura e coa colaboración da Concellería de Cultura e da Biblioteca Municipal de Fene.

A actividade estará dirixida polo poeta fenés Pablo Bouza Suárez e contará ademais coa participación como escritor convidado (na oitava sesión) do tamén poeta e director da editorial “Espiral Maior” Miguel Anxo Fernán Vello. Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, escolleuse este autor polo seu vencello con Fene xa que “Espiral Maior” é quen edita os libros galardoados co "Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé" que convoca o CMI Unidade de Fene coa colaboración do Concello de Fene.
 

O obradoiro “Poesía: a grafía da emoción” desenvolverase na aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” entre os meses de setembro e novembro de 2017 (comezará este xoves 14 de setembro e concluirá o xoves 16 de novembro). Terá unha duración de 20 horas repartidas en 10 sesión de dúas horas cada unha e razón de unha sesión por semana: mércores ou xoves en horario de tarde, de 18.30 a 20.30 horas.

A metodoloxía do obradoiro será lúdico-descritiva (explicación, exemplificación, actividades e xogos). Nel fomentarase o traballo individual e en grupo, realizándose distintas propostas de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión. Tamén se procurará a participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro. E, por último, cada un dos/as participantes compartirá cos/as compañeiros/as as súas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a súa diferenza.

A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos.