As podas nas principais vías do casco urbano finalizarán a mediados de mes

As podas nas principais vías do casco urbano finalizarán a mediados de mes

O Concello  iniciou hai uns días a campaña anual de poda das árbores situadas nos parques e xardíns de titulariedade municipal e tamén daquelas que bordean as principais avenidas do municipio. En dúas delas -na avenida Marqués de Figueroa e en Naturais de Fene- os labores durarán arredor de dúas semanas, co obxectivo de que  os traballos estean finalizados antes das datas centrais do Nadal. Ademais de manter controlada a vexetación, a limpeza tamén pretende adecentar a zona de cara ao inverno e aclarear o arborado para que o  alumeado público sexa máis efectivo agora que as noites son máis longas.

En total vanse descargar de pólas unhas 250 árbores, repartidas pola Avenida Marqués de Figueroa, Naturais de Fene, a Rúa Río Cádavo e a zona da Avenida de Conces, preto xa do cruzamento da igrexa.

A maior concentración de traballo dáse ao longo da avenida Marqués de Figueroa, con preto de 900 metros de plátanos de sombra a un lado e outro da estrada -163 árbores-, e na avenida Naturais de Fene, con outros 600 metros de magnolios -50 en total- distribuídos na maior parte do percorrido tamén por ambas beirarrúas.

Os labores atenden á retirada de pólas novas e daquelas que están danadas, ademais de ocuparse de manter e guiar a formación de cara ao ano que vén impedindo unha proliferación incontrolada da copa que poida chegar a tocar nas fachadas dos edificios.

Trátase dunha operación de sanidade vexetal e de ornato público, pero tamén de seguridade viaria, posto que a poda contribuirá a mellorar a visibilidade nocturna nos eixos viarios máis transitados do municipio por vehículos e peóns.

O equipo encargado empezou a semana pasada no cruzamento da Xunqueira -fronte ao establecemento Aguilar-e vén avanzando rúa arriba por Marqués de Figueroa para facer despois Conces e proseguir proseguir finalmente por Naturais de Fene ata o cruzamento do xulgado.

Agárdase que os traballos -que se complementan con actuacións das brigadas municipais noutras zonas do territorio- estean rematados a mediados de mes, a tempo para as datas centrais do Nadal.  Desde o Concello prégase a colaboración veciñal para que non se aparque nas zonas de intervención, delimitadas e sinalizadas dun día para outro a medida que avanzan os traballos.