O Concello mellorará a seguridade na Rúa Alta cun novo firme e pasos peonís sobreelevados

O Concello mellorará a seguridade na Rúa Alta cun novo firme e pasos peonís sobreelevados

Os traballos consistirán na substitución do firme actual por un novo aglomerado, así como na instalación de pasos peonís sobreelevados e o repintado de todo o trazado, que abrangue arredor de medio quilómetro de estrada entre a rúa Tarrío e o cruzamento coa rúa Travesa. Á licitación negociada con publicidade concorreron 6 empresas e o Concello agarda adxudicar o contrato nos próximos días.

A Rúa Alta é un dos eixos máis transitados do concello, debido en grande medida a que nas inmediacións se encontran o colexio Jorge Juan e o CEIP Centieiras. Neste sentido, o obxectivo municipal "non só é reparar a rúa, senón tamén mellorar as súas condicións de seguridade para o tráfico rodado e, principalmente, para os viandantes", tal e como explica o alcalde, Juventino Trigo.

Segundo o proxecto técnico, os primeiros traballos que se levarán a cabo serán os do fresado de toda a rúa para levantar o antigo firme e preparar unha caixa na que se asente a nova capa aglomerada. Unha medida que eliminará por completo os baches e as cicatrices de pequenas obras feitas nos últimos anos, ademais de darlle un nivel uniforme a todo o percorrido. En total son 565 metros de estrada -cun ancho de 6 m- desde a confluencia coa Rúa Travesa ata a esquina oeste da Jorge Juan, xusto onde comeza a rúa Tarrío.

Ademais de renovar a calzada, o plan deseñado polo Concello tamén contempla a mellora da accesibilidade e da sinalización. Un dos aspectos que máis se deixará notar será o do cambio dos dous pasos de peóns dos colexios por outros sobreelevados, coa finalidade de limitar a velocidade dos vehículos e incrementar a visibilidade de quen estea cruzando ou teña intención de facelo. A remodelación dos pasos peonís tamén lle afectará neses dous puntos ás beirarrúas para garantirlle a accesibilidade a persoas coa mobilidade reducida ou que usen cadeiras de rodas.

No referido á seguridade viaria, as obras inclúen o repintado do trazado, que levará liñas amarelas de prohibición de aparcar antes e despois dos pasos de peonís e nas confluencias da rúa Maroño, a Rúa do Medio, o Camiño de Mundín e o cruzamento coa Rúa Travesa. Preténdese deste xeito que o tráfico proveniente destas vías poida facer a manobra de incorporación á Rúa Alta cun campo de visión suficiente e que os pasos de peóns sexan visibles desde máis lonxe para, en consecuencia, minorar a posibilidade de accidentes ou atropelos.

O procedemento de contratación desta obra está xa en marcha e o Concello agarda resolvelo en breve para que, segundo o alcalde "os traballos comecen o antes posible". Foron 6 as empresas que presentaron oferta para a execución do proxecto, cifrado polo departamento de obras en 78.356€.