A Xunta de Goberno Local dá luz verde ó pago de 216.000 euros pendentes de abono dende 2016 ó Concello de Ares

A Xunta de Goberno Local dá luz verde ó pago de 216.000 euros pendentes de abono dende 2016 ó Concello de Ares

O alcalde, Gumersindo Galego, teme que aparezan máis facturas no caixón

O anterior goberno local de Fene deixou sen pagar o servizo de saneamento prestado polo Concello de Ares –que ten encomendada a xestión, explotación e mantemento da EDAR de Punta Avarenta- durante os anos 2016 e 2017. En suma, a débeda ascende a 216.000 euros (correspondentes a dúas facturas, unha por exercicio, por importe de 108.000 euros cada unha). Unha irresponsabilidade, según sinala o alcalde, Gumersindo Galego, xa que había partida orzamentaria e retención de crédito suficiente para proceder ó abono sen necesidade sequera dunha modificación de crédito. O rexidor sinala que o anterior alcalde tan só tiña que levar as facturas a unha Xunta de Goberno Local, trámite que non fixo. A semana pasada, e para solventar a situación, a Xunta de Goberno Local aprobaba ambas facturas e daba luz verde ó pago pendente. 216.000 euros que mermarán o remanente de Tesourería.

Ante esta situación, Gumersindo Galego teme que aparezan máis facturas no caixón pendentes de pago.