Fene celebra o Día dos Museos cunha visita á mostra Retrospectiva guiada por Beatriz Seijo e o monólogo “Anecdoloxía” de Oswaldo Digon

Fene celebra o Día dos Museos cunha visita á mostra Retrospectiva guiada por Beatriz Seijo e o monólogo “Anecdoloxía” de Oswaldo Digon

Os actos terán lugar este venres na Casa da Cultura e no Museo do Humor

O Concello de Fene celebra este ano o Día Internacional dos Museos por partida doble. Segundo explica a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, será este venres, coincidindo coa efeméride. Na Casa da Cultura, ás 18 horas está prevista unha visita á exposición “Retrospectiva”, guiada pola propia pintora Beatriz Seijo. A participación é libre, sen necesidade de inscrición previa.

Así mesmo, no Museo do Humor, ás 20 horas, dará comezo “Anécdoloxía”, un monólogo do cómico Oswaldo Digon, con entrada libre e gratuíta ata completar
aforo. Dúas propostas de primeiro nivel para a tarde do venres.

Respecto á visita guiada, está pensada como un espazo para que público e artista compartan, a modo de tertulia-coloquio, a súa visión sobre a mostra “Retrospectiva”, que recolle unha ampla selección de obras da súa última década de traballo. Como temas a tratar estarán o museo e a imaxe mental que cada un
se fai do mesmo: o modo no que se imaxina, recorda ou desexa. Unha ocasión única para facer partícipe ó público en xeral sobre o papel dos museos no desenvolvemento da sociedade. Ó marxe deste convite especial á mostra, “Retrospectiva” pode visitarse ata o 31 de maio, de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h, e os sábados de 10 a 13 h.



Así mesmo, Oswaldo Digon presentará ás 20 horas “Anecdoloxía”, un monólogo que, segundo a súa propia definición, é un rexistro das crónicas que ten escoitado, vivido ou lido mentres agardaba no aeroporto, viaxando en tren ou simplemente sentado nalgunha cafetería. Todas elas, cunha base real e unha gran dose de comedia. Está recomendada para público adulto e forma parte do programa “Cultura no Camiño”.