O Concello organiza para as familias un obradoiro de educación alimentaria

O Concello organiza para as familias un obradoiro de educación alimentaria

Terá lugar esta tarde no marco do programa “Balancéate!” que impulsa a Concellería de Servizos Sociais coa colaboración de centros educativos e ANPAS

O Concello de Fene, a través da Concellería de Servizos Sociais, celebrará esta tarde a partir das 18 h un obradoiro de educación alimentaria baixo o título “Balancéate!”. Dirixido ás familias, a actividade estará impartida pola pedagoga Eva de Santiago e desenvolverase no Centro Municipal de Servizos Sociais, coa colaboración de centros escolares e ANPAS. Esta proposta ten por obxecto conseguir a creación de hábitos saudables a través de coñecementos básicos sobre alimentación, ademais de concienciar e educar sobre os beneficios que aporta o consumo consciente e responsable e os problemas e consecuencias que se derivan do abuso de determinados alimentos e bebidas e o sedentarismo.

Neste obradoiro abordaranse contidos relacionados cunha alimentación equilibrada, elaboración de menús, a importancia do etiquertado nutricional, o consumo responsable e como inflúe a publicidade na alimentación, así como os mitos e falsas crenzas. Así mesmo, complementa ós obradoiros que se están desenvolvendo nos centros educativos de Fene, de modo que se pretende reforzar esa información que se está a trasladar ó alumnado.

O programa inclúese no proxecto de prevención de condutas aditivas “Saúde na escola”, subvencionado pola Consellería de Sanidade, que Fene leva a cabo en común cos concellos de Mugardos e Neda.