Declaración institucional do Concello de Fene Xullo 2018

Declaración institucional do Concello de Fene Xullo 2018

Boa tarde. Benvidos a todas as veciñas e veciños aquí presentes. En primeiro lugar, quero agradecer á Corporación Municipal, e especialmente á Concellería de Cultura, por convidarme a estar hoxe aquí, neste acto, e dar lectura á Declaración Institucional do Día da Patria Galega do Concello de Fene deste ano.
Sabemos que en Galiza foron moitos os nosos devanceiros que, dende os anos 20 do século pasado, coas Irmandades da Fala, ou na década dos 30 con Castelao e Bóveda á cabeza, loitaron para acadar un Estatuto de Autonomía, unha identidade e LINGUA propia recoñecida alén das nosas fronteiras. Como dicía Manuel María: “O idioma é a forza que nos xungue e sostén, se perdemos a fala, non seremos ninguén”.
Dentro da nosa terra tivemos moitos valentes que, por defender o seu, tiveron que exiliarse en determinados momentos da historia. Pero a pesar de transcorrir etapas nas que non se podía festexar o “Día de Galiza”, este vindeiro 25 de Xullo, arrexuntémonos para conmemorar esta data!
Temos nas nosas mans o seguir construindo ese proxecto común como patria, o cal escomenzaron xeracións pasadas, que estamos a continuar as presentes, deixando deste xeito o xermolo para o futuro. Nese proxecto cabe a innovación, pero sen perder as nosas tradicións, cultura, patrimonio material e inmaterial e por riba a nosa lingua. Non podemos deixar que ningún de estos aspectos queden polo camiño.
Asimesmo, debemos de seguir evolucionando positivamente a nivel social, reivindicando unha maior presenza da muller na sociedade, e erradicando a discriminación que existe. Confiemos en que esa loita non sexa tal nun futuro inmediato, sinal de que a igualdade entre mulleres e homes é unha realidade!
Hai unha palabra moi fermosa que é PRECURSOR, que ten como definición: “O que anuncia ou realiza algo que terá maior repercusión no futuro”. Pois sigamos sendo precursores nesta loita pola igualdade!
En Galiza sabemos ben o que son os precursores, coma os emigrantes, que no seu exilio traballaron para que a nivel educativo, industrial ou ideolóxico os galegos seguiran medrando cultural e económicamente. Con enxeño e persoas formadas en diferentes disciplinas, crearon sociedades ou levantaron infraestructuras, coma por exemplo no noso Concello as “escolas de instrucción”.
Quixera tamén por en valor aos precusores locais, porque se pode considerar que hai moitas persoas anónimas que transmiten a súa paixón polas tradicións, cultura e lingua. Son xentes que sementan o seu sentir, dentro do núcleo máis cercano.
Persoalmente, na miña formación académica e no seo da miña familia tiven e teño bos exemplos:
Meu avó “Paquito de Novo”, fixo todo o posible para que as festas patronais dunha parroquia deste Concello, como é Sillobre, non quedasen nunca sen celebrar e que esa tradición continúe hoxe en día. Tamén dou grazas ás miñas avoas. Con Maruxa aprendín o positivo e negativo do seu traballo, xa que era lavandeira, e con Isabel, aínda manteño longas conversas sobre como era a vida anos atrás. Tomando o testigo están os meus fillos que dan os seus primeiros pasos no mundo da música galega.


Ante isto, cabe dicir que debemos seguir defendendo as recreacións de oficios, as festas e a música, sen esquecerse da tradición oral, para que por medio dos contos e das lendas, as xeracións máis novas poidan facerse unha idea de onde vimos e os esforzos que os nosos antepasados tiveron que realizar. A súa foi unha vida de LOITA en maiúsculas.


Hai que estar moi ledos de vivir nunha TERRA na que as súas xentes saben o que é vivir con atrancos, pero sempre mirando cara adiante e que continuará construindo PATRIA conservando unha lingua na que existen verbas tan fermosas coma: souto, fervenza, lar ou agarimo. Esa Galiza na que temos un HIMNO que nos emociona cando o cantamos ao son das gaitas.


Finalmente, remato esta Declaración con un anaco dun poema dun autor contemporáneo chamado Baldo Ramos:


Ás veces fáltannos as palabras
E ás veces sóbrannos.
Ás veces fáltanos o tempo de dicilas
. E ás veces pásanos o tempo de calalas.
Ás veces precisamos o que xa temos
E ás veces desbotamos o alleo como se fora noso
(…) “Ás veces fáltannos as palabras…”


Moitas grazas e sigamos a celebrar máis Días das galegas e galegos!