A Casa da Cultura alberga a exposición de pintura “Introproxección” de Arantxa Prada

A Casa da Cultura alberga a exposición de pintura “Introproxección” de Arantxa Prada

A artista estivo acompañada do alcalde, Gumersindo Galego, e da edil de Cultura, Rocío Bértoa, na inauguración da mostra celebrada o pasado venres

 A Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle ata o vindeiro día 30 a exposición “Introproxección”, de Arantxa Prada. A artista estivo acompañada polo alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, así como por un nutrido grupo de veciños e veciñas no acto de inauguración da mostra, celebrado o pasado venres.

Trátase dunha exposición de pintura coa que Prada pretende transmitir o sentimento de liberdade á hora de plasmar nun cadro a súa visión interior do mundo mediante unha pintura na que a textura, os volumes, unha paleta ampla de cores e a luz xogan un papel fundamental á hora de transmitir e provocar sensacións. Desa visión particular dou a clave co título de cada obra, deixando que o espectador se cre a súa visión interior e propia do cadro.

En palabras de Prada, “a pretensión é alonxarnos dunha realidade dirixida sometida constantemente a normas e imposicións, un acto de rebeldía, de aí o plantexamento de prescindir dunha temática común evitando así a pauta dun guión preestablecido”. Deste xeito, a artista sinala que “non hai por tanto planificación, permitindo que xurda en cada momento a idea ou sentimento adicándome simplemente a plásmalo”. Que pode ver o público? Prada sinala que “poderemos atopar, entón, cadros sobre o maltrato, a guerra, os desastres ecolóxicos, a xénese, a armonía, a nostalxia, os sentimentos..., e outros meramente decorativos. Exposición que espero consiga capturar a atención do espectador durante uns intres, e lle invite a disfrutar destes remuíños ateigados de emocións”. Destaca, especialmente, o cadro “Xenerocidio”, adicado a todas as mulleres que sufriron ou sufren calquer tipo de violencia.

 

Con entrada libre, a mostra pode visitarse de luns a venres de 10 a 14,15 horas.