O Concello de Fene adxudica as obras de ampliación e mellora da rúa Ameneiral

O Concello de Fene adxudica as obras de ampliación e mellora da rúa Ameneiral

O contrato tamén contempla dúas actuacións de mellora no vial de entrada á escola de Magalofes e no de acceso a Vilar do Colo dende Limodre

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá da adxudicación das obras de ampliación de beirarrúas na rúa Ameneiral e mellora dos viais de acceso á escola de Magalofes e estrada de entrada ó polígono industrial de Vilar do Colo. Intervencións incluídas no PAI 2016 Complementario da Deputación provincial da Coruña. En suma, o orzamento das intervencións ascende a 20.495,07 euros.
Máis polo miúdo, o alcalde sinalou que as obras na rúa Ameneiral, na parroquia de Perlío, contemplarán a ampliación da beirarrúa da marxe oeste no tramo existente ata a Avenida Marqués de Figueroa. Para isto, instalarase pavimento de baldosa hidráulica similar ó existente. Así mesmo, pavimentarase o firme e adaptaranse as tapas de pozos e rexistros á nova rasante, completándose coas obras de sinalización necesarias.
Respecto ó vial de acceso á Escola de Magalofes, ampliarase o paso salvacunetas e procederase á pavimentación do firme. E, no tocante á estrada de acceso ó polígono industrial de Vilar do Colo dende Limodre, o Concello realizará rebacheos puntuais, procederá á pavimentación do vial e executará tarefas de sinalización horizontal na intersección coa estrada provincial DP-3501.