Aberto o prazo de inscrición na VI edición da Carreira Solidaria da Muller

Aberto o prazo de inscrición na VI edición da Carreira Solidaria da Muller

A Concellería de Benestar Social e Igualdade colabora coa Asociación Oncohematolóxica Por+Vida na organización, difusión e traslado de participantes fletando dous autocares

Dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Juana Barro, infórmase da celebración da 6ª edición da Carreira Solidaria da Muller. Un evento de carácter deportivo e lúdico que se desenvolverá na Coruña o vindeiro 16 de setembro para apoiar a loita contra o cancro de mama. Por quinto ano consecutivo, o Concello de Fene colabora coa Asociación Oncohematolóxica Por+Vida patrocinando dous autocares, asumindo o custe da publicidade, aportando persoal municipal e vehículo de transporte para a recollida do material da carreira das participantes e colaborando na recollida de inscricións e organización previa ó evento.


Poderán participar mulleres a partir de 12 anos e os buses serán gratuítos ata completar prazas, segundo rigoroso orde de inscrición. Terán preferencia as mulleres empadroadas en Fene e as socias de Por+Vida, aínda que se quedan prazas libres poderán ser cubertas con veciñas doutros municipios.
O prazo para anotarse coa asociación remata o 1 de setembro. Pode entregarse a ficha de inscrición cuberta a través do email da entidade (pormaisvida2011@gmail.com) ou no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, bloque 1-baixo San Valentín). O prezo de inscrición (para recollida e material da carreira) ascende a 14 euros e aboarase á Asociación Por+Vida.
A entrega do equipo para a carreira está prevista para o sábado 15 de setembro de 11 a 13 horas no salón de plenos da casa consistorial de Fene e, a saída dos autocares, será o domingo 16 ás 8,30 h dende o propio concello e o regreso dende A Coruña prevese sobre as 14 horas.
As persoas interesadas en obter máis información teñen á súa disposición os enderezos e teléfonos: pormaisvida2011@gmail.com ou 650 812 030 e servizos.sociais@fene.gal ou 981342607 e 981492706. Así mesmo, tamén se ofrece información dende a páxina web http://www.carreradelamujer.com/.

Descargas