Recital de Nadal do alumnado das Escolas Municipais de Piano e Guitarra de Fene

Recital de Nadal do alumnado das Escolas Municipais de Piano e Guitarra de Fene

Terá lugar mañá martes na Casa da Cultura, a partir das 17 horas

A Casa da Cultura de Fene acollerá mañá martes, 18 de decembro, o Recital de Nadal do alumnado das Escolas Municipais de Piano e Guitarra. O concerto dará comezo ás cinco da tarde, con entrada libre e de balde. Nesta liña, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, explicaba esta mañá que o recital inaugurará a programación de concertos que, ó longo das vindeiras xornadas, se sucederán no municipio.

Así, este venres, día 21, a igrexa parroquial de Barallobre albergará o Concerto de Nadal Voices-“Voces en Feminino”, a partir das 20 horas, tamén con entrada libre, e a colaboración do CPS Liga de Amigos de Barallobre. Voices é unha agrupación de voces femininas que conta cun amplo repertorio de versións de distintos estilos (pop, baladas, gospel, etc.).

Ó día seguinte, sábado 22, terá lugar o XVIII Festival de Panxoliñas-Concello de Fene, ás 20 horas no CPS Liga de Amigos de Barallobre e coa actuación de todas as corais e rondallas do municipio (Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Rondalla Perla del Río, Coral Eterna Xuventude, Rondalla Estrelecer, Coral Polifónica de San Valentín, Coral Polifónica de O Pote e Tradicoro). A organización corre por conta do Tradicoro e, novamente, conta coa colaboración do CPS Liga de Amigos de Barallobre. 

E, pechando o capítulo de concertos, o venres 28 de decembro, A Banda da Loba chega a Fene co seu espectáculo “Bailando nas rúas”. Neste caso, a partir das 20,30 horas no local da SCRD O Pote. A Banda da Loba é unha formación integrada por cinco mulleres -Andrea Porto, Inés Mirás, Marcela Porto, Estela Rodríguez e Xiana Lastra- que decidiron unir as súas voces nun proxecto común. Este grupo salienta pola creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como na musicalización de poemas célebres e outros textos de autoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. Unha actividade incluída na Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.