O Concello inicia as obras para reparar o firme e ampliar a beirarrúa da rúa Ameneiral

O Concello inicia as obras para reparar o firme e ampliar a beirarrúa da rúa Ameneiral

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, apunta que a actuación porá punto e final a tres anos coa vía levantada

Hai tres anos, a rúa Ameneiral era obxecto dunha intervención por parte de Viaqua para a mellora das canalizacións. Rematada a actuación o firme desta vía de Perlío quedou levantado na zona afectada, sen aglomerado, con pedras soltas e un gran número de fochancas. Unha situación que non tivo resposta ata hoxe. A semana pasada as máquinas comezaban a traballar na rúa para reparar o firme e ampliar tamén a beirarrúa.

O alcalde, Gumersindo Galego, explicaba que a intervención inclúese nun proxecto que contempla outras dúas actuacións: o reforzo do firme no inicio do acceso a Vilar do Colo dende Limodre e o remate con formigón da entrada á antiga unitaria de Magalofes. En suma, as tres obras suman un orzamento de 24.000 euros, que se financiará con cargo a unha achega da Deputación provincial da Coruña.

Na rúa Ameneiral, o acondicionamento do firme irá acompañado da ampliación da beirarrúa no tramo que une esta vía coa Avenida Marqués de Figueroa, coa intención de mellorar a seguridade dos peatóns, delimitando a súa zona de paso respecto á circulación rodada.

O Concello estima que os traballos estén rematados a finais de xaneiro.