Monicreques de Kukas representa este sábado en Perlío “O Encoro Enmeigado”

Monicreques de Kukas representa este sábado en Perlío “O Encoro Enmeigado”

A función, organizada polo Concello, comezará ás 18 h con entrada libre

No marco do programa “Ven a Perlío-Fene Vivo”, a compañía Monicreques de Kukas representará este sábado, 22 de decembro, a súa obra “O Encoro Enmeigado”. Será a partir das 18 horas no CCRD de Perlío, con entrada libre e de balde.


Neste espectáculo, a compañía, a máis antiga de Galicia e unha das máis recoñecidas do panorama galego, pon en valor os elementos da nosa tradición xunto a problemas que o mundo moderno ten que enfrontar como a utilización dos recursos naturais para producir enerxía e como se pode chegar a un equilibrio co ecosistema sen deixar de lado o progreso. E todo elo nunha montaxe que mestura pasado e presente, maxia e realidade, respecto polo medio ambiente e progreso sostible nunha posta en escena divertida, poética e plasticamente moi entretida para o espectador.

Monicreques de Kukas foi fundada en 1979 por Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey Pousada e, con máis de 40 espectáculos producidos neste tempo, o seu traballo céntrase na investigación e creación de novos prototipos de marionetas que lles permiten realizar espectáculos de gran formato dirixidos a todo tipo de públicos.