Máis de 600 persoas tomarán parte este sábado na VI San Silvestre de Fene

Máis de 600 persoas tomarán parte este sábado na VI San Silvestre de Fene

Partirá da casa consistorial ás 16,30 horas e o circuito, con distancias de entre os 100 metros e os 3,75 kms, discurrirá polas rúas do municipio

Un total de 601 persoas inscribíronse na VI edición da Carreira e Andaina de San Silvestre que organiza mañá sábado a Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida. Unha cita que congregará a veciños e veciñas de todas as idades para despedir o ano facendo deporte. Desenvolverase polas rúas de Fene, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 3,75 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, e a participación é gratuíta para todas as categorías de menores (e 2 euros para a carreira absoluta). 

Na carreira absoluta anotáronse 316 atletas, namentras que nas categorías menores están apuntados 152 e, a andaina, contará con 133 participantes.

Saída e meta están fixadas na casa consistorial e as categorías son as seguintes: Pitufos (nenos/as nados/as en 2014 e 2015) cun percorrido de 100 metros; Sub 8 (2013-2012) e distancia de 200 metros; Sub 10 (2011-2010) e 400 metros; Sub 12 (2009-2008) e 800 metros; Sub 14 (2007-2006) e 1.200 metros; Sub 18/Sub 20 (2002-2003-2004-2005) e 2.500 metros; Absoluta (2001 e anteriores) e 3.750 metros e Andaina para todas as idades e un percorrido de 2.500 metros.

A saída irase realizando de forma escalonada, segundo a categoría e comenzando pola absoluta. O circuito, sobre asfalto, estará pechado ó tráfico e controlado por Policía Local e Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, así como membros da organización.

Así mesmo, as persoas participantes deben retirar hoxe, venres 28, o seu dorsal-chip no pavillón da Xunqueira en horario de 9 a 13,30 horas e de 16 a 22 horas ou mañá sábado, día 29, no salón de plenos da casa consistorial de 10,30 a 13,30 ou de 15 a 16 h. Os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina e da Sub 18/Sub 20 tamén masculina e feminina recibirán un trofeo ou obsequio e todos os participantes, un agasallo.