Concello e Aspaneps asinan o convenio de cesión de uso do local co que a asociación ampliará o seu centro ocupacional

Concello e Aspaneps asinan o convenio de cesión de uso do local co que a asociación ampliará o seu centro ocupacional

O alcalde, Gumersindo Galego, e o vicepresidente da entidade, Juan Luis Dapena, rubricaron o acordo, cunha vixencia de 20 anos

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e o vicepresidente da Asociación de Pais de Nenos con problemas psicosociais (Aspaneps), Juan Luis Dapena, asinaron esta mañá o convenio de cesión de uso, por espazo de 20 anos, dos locais 1 e 1ª sitos no Castro e de propiedade municipal. Un convenio que, tal e como detallou o rexidor, permitirá á entidade ampliar o seu centro ocupacional, aumentado o número de prazas públicas concertadas, e mellorar así a atención psico-social á infancia, familia e persoas con discapacidade intelectual.

Gumersindo Galego apuntou que Aspaneps ocupaba xa o primeiro dos espazos dende o ano 1997 e destacou que sumando agora este segundo local gañará metros cadrados que se traducirán nunha mellor intervención e atención por parte da asociación de pais de nenos con problemas psicosociais.

En 2006, o Concello permutou o local 1A, que agora cedeu a Aspaneps, con outro propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Unha situación que volveu a revertirse en 2017 cunha nova permuta. Así mesmo, nos últimos meses, procedeuse ó asento catastral da propiedade, trámite que daba vía libre á cesión previo convenio e aprobación deste polo pleno, o pasado mes de outubro.

Así mesmo, esa cesión permite a Aspaneps optar a unha liña de axudas aberta pola Xunta de Galicia para acometer as melloras necesarias nas súas instalacións co ánimo de ampliar as prazas públicas concertadas.