O Concello de Fene abre a inscrición na Escola de Natación postparto

O Concello de Fene abre a inscrición na Escola de Natación postparto

Poderá formalizarse no pavillón da Xunqueira de luns a venres de 9 a 13,30 h e os mércores en horario de tarde, de 16,30 a 19 horas

O Concello de Fene comezará a ofertar en febreiro a "Escola de natación postparto", que se realizará xunto coa “Escola de natación para embarazadas" que xa se vén realizando dende hai un tempo. As interesadas en participar en calquera destas actividades poderán formalizar a súa inscrición nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira (en San Valentín) de luns a venres de 9 a 13,30 e os mércores en horario de tarde, de 16,30 a 19 horas.
A escola de natación para embarazadas é un programa de exercicios acuáticos orientado a evitar un sobrepeso innecesario, a preparar os músculos para o parto e a lograr un estado de relaxación e benestar durante a etapa de xestación. Ademais, a preparación física previa ao parto supón unha mellor e máis rápida recuperación despois do embarazo, que se pode potenciar coa natación postparto.


Tralo parto, e deixando pasar un periodo de tempo prudencial para empezar a realizar exercicio físico, a natación continúa sendo un dos exercicios máis completos, xa que contribúe á relaxación e axuda a recuperar o bo estado físico das nais.