Fene acollerá o domingo o Campionato de Galicia Máster individual e por equipos de Campo a Través con preto de 400 atletas inscritos

Fene acollerá o domingo o Campionato de Galicia Máster individual e por equipos de Campo a Través con preto de 400 atletas inscritos

O alcalde, Gumersindo Galego, xunto ao edil de Deportes, Xoán Manuel Bastida, o presidente da Federación galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o delegado en Ferrol da federación, Paulino Cartelle, presentaron a cita no consistorio

Fene acollerá este domingo 10 de febreiro a XXXIII edición do Campionato de Galicia Máster de Campo a Través. Esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego; o concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o delegado en Ferrol da Federación, Paulino Cartelle, presentaban oficialmente a cita deportiva, na que tomarán parte preto de 400 atletas galegos, medallistas moitos deles en competicións europeas e incluso mundiais.


Ao comezo da súa intervención, Bastida apuntaba que se trataba da segunda ocasión nos últimos tres anos e medio na que Fene organiza un campeonato destas características, aínda que cunha importante diferenza. Nesta ocasión, disputarase nas pistas municipais de cross habilitadas polo Concello nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre, tamén postas a disposición da veciñanza recentemente, no segundo semestre do 2018. Un circuito único na comarca e estable, con capacidade para albergar competicións do máis alto nivel. Precisamente ese é un dos obxectivos do Concello. En palabras de Bastida, volver a situar a Fene como un concello modelo en materia deportiva e, nomeadamente, no ámbito do atletismo. Agradeceu tamén o apoio da Federación galega e destacou o inxente traballo da delegación en Ferrol.


Pola súa banda, Isidoro Hornillos suscribiu as palabras do edil de Deportes e brindou o apoio da Federación para que Fene recupere ese brillante papel que marcou a súa historia. Felicitou ao concelleiro pola posta en marcha do circuito que, augurou, será duro e esixente para os participantes o próximo domingo e tamén vistoso para todo aquel que acuda como público á cita. Engadiu que esa aposta polas pistas de Barallobre permitiralle a Fene albergar de forma estable competicións do calendario galego e confiou en que o tempo acompañe este domingo.


Na mesma liña se expresou Paulino Cartelle, destacando tamén a alta participación feminina, con máis de 70 mulleres inscritas.


A proba, que dará comezo sobre as 10 horas, representa o campeonato máis importante da modalidade, na que ademais dos títulos individuais de cada categoría estarán en xogo os títulos por equipos. Así, cabe salientar a presenza destacada dos atletas Carmen Novo, Xavier Díaz e Javier Toro do Verxel Nutrición; Teresa

Castro do Atletismo Noia; Ramón Serantes do Marineda; Samuel Veiga do Millaraio; Elisa Paz do Egovarros de Viveiro; José Bouza do Narón, Xosé Luis Otero do Universitario de Santiago e Antonio Hernández do Egovarros, todos eles campións de Galicia nas súas respectivas categorías na edición do pasado ano en Cabanas. A eles sumarase o atleta con máis idade de todos os participantes, Antonio Cabana do Egovarros, nado en 1940.