A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este mércores e xoves

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este mércores e xoves

O Concello anima á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase a Fene este mércores e xoves, 13 e 14 de febreiro. O mércores, permanecerá diante do centro de saúde en horario de tarde –de 15,30 a 21 h- e, o xoves, durante todo o día –de 9,30 a 14,30 h e de 15,30 a 21 h-. Dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.


A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non perxudica a saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA). Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.


A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.