O Concello conclúe os traballos de acondicionamento da rúa Ameneiral

O Concello conclúe os traballos de acondicionamento da rúa Ameneiral

Xunto coa mellora do vial de acceso á escola de Magalofes e estrada de entrada ao polígono, investíronse máis de 20.000 euros

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá do remate das obras de acondicionamento do firme e ampliación de beirarrúas na rúa Ameneiral e a mellora dos viais de acceso á escola de Magalofes e estrada de entrada ao polígono industrial de Vilar do Colo. Intervencións incluídas no PAI 2016 Complementario da Deputación provincial da Coruña. En suma, o orzamento das intervencións ascendeu a 20.495,07 euros.


Máis polo miúdo, o alcalde sinalou que as obras na rúa Ameneiral, na parroquia de Perlío, contemplaron a ampliación da beirarrúa da marxe oeste no tramo existente ata a Avenida Marqués de Figueroa. Para isto, instalouse pavimento de baldosa hidráulica similar ó existente. Así mesmo, pavimentouse o firme e adaptáronse as tapas de pozos e rexistros á nova rasante, completándose coas obras de sinalización necesarias. Unha intervención que puxo fin a tres anos de abandono, xa que a vía atopábase nun máis que precario estado de conservación tras as obras de substitución das canalizacións realizadas por Viaqua, polas que o pavimento quedou levantado en diversos treitos, con fochancas e pedras soltas.


Respecto ó vial de acceso á Escola de Magalofes, ampliouse o paso salvacunetas e procedeuse tamén á pavimentación do firme. E, no tocante á estrada de acceso ao polígono industrial de Vilar do Colo dende Limodre, o Concello realizou rebacheos puntuais, procedeu á pavimentación do vial e executou tarefas de sinalización horizontal na intersección coa estrada provincial DP-3501.