O Concello convida á veciñanza á presentación do VI Encontro de Lavandeiras

O Concello convida á veciñanza á presentación do VI Encontro de Lavandeiras

O alcalde, Gumersindo Galego, presidirá este sábado o acto, que concluirá coa inauguración dunha exposición sobre esta cita etnográfica

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, informou esta mañá de que o local social da SCRD Agarimo de Sillobre será escenario este sábado 6 de abril do acto de presentación da sexta edición do Encontro de Lavandeiras. Un acto que principiará ás 11 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, incluído no programa “Ven a Fene. Ven a Sillobre” e con entrada libre.


Segundo avanzou o concelleiro, o acto incluirá unha ponencia a cargo de María Vega Cerqueiro, baixo o título “Tradiciión das lavandeiras en Fene e en xeral”, e posterior coloquio, así como a proxección “Lavandeiras”, con imaxes do primeiro encontro.


Así mesmo, no transcurso do mesmo inaugurarase a exposición “Encontro de Lavandeiras”, que poderá visitarse ata o 11 de abril neste espazo. A partir de aí, a mostra iniciará un percorrido que a levará do 13 ao 21 de abril ao CCRD de Perlío; do 29 de abril ao 5 de maio á Liga de Amigos de Barallobre; do 6 ao 12 de maio ao CMIU de Fene e, do 13 ao 19 de maio, á AVV de Magalofes. Asociacións todas elas que colaboran co Concello para facer posible a iniciativa.