Aberta a inscrición no obradoiro “A convivencia cos fillos e fillas: modelos educativos, normas e límites”

Aberta a inscrición no obradoiro “A convivencia cos fillos e fillas: modelos educativos, normas e límites”

Organizado polo Concello, terá lugar o día 23 de maio en horario de tarde

O Concello de Fene organiza o obradoiro “A convivencia cos fillos e fillas: modelos educativos, normas e límites”. Será o vindeiro xoves 23 de maio, de 17 a 18,30 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais e, aínda que a participación é gratuíta, é preciso inscribirse previamente cumprimentando unha folla de inscrición e entregándoa antes do 21 de maio no centro de ensino, ANPA ou no propio Centro Municipal de Servizos Sociais. As prazas están limitadas a 25 e requírese un mínimo de 10 persoas anotadas.


Estará impartido por persoal técnico do equipo Quérote+ Servizo de información e asesoramento da Xunta de Galicia. Na sesión buscarase crear un espazo no que as familias poidan expresar as súas inquedanzas, dúbidas e dificultades; tamén para aprender e reflexionar conxuntamente.

A convivencia cos fillos e fillas non sempre é doada, e fronte a unha mesma situación hai moitas respostas posibles, pero… cal é mellor? Onde se deben poñer os límites? Como xestionar os conflitos? A estas e outras preguntas darase resposta neste obradoiro dinámico e participativo, no que compartir experiencias comúns, contrastar opinións e contar cunha serie de pautas.

A actividade inclúese no programa “Redes familiares”, que promove a Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e compleméntase co programa familiar que se desenvolve ao longo do curso escolar enmarcado no Plan de Promoción da Saúde e Prevención de Condutas Aditivas, que impulsa a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene.