O mago Cayetano Lledó ofrecerá este martes en Fene o seu espectáculo Lafayette Show

O mago Cayetano Lledó ofrecerá este martes en Fene o seu espectáculo Lafayette Show

A actuación comezará ás 21 horas na praza do Alcalde Ramón Souto González, incluída no ciclo Día de Galicia

O ciclo Día de Galicia co que o Concello conmemora tan sinalada data continuará mañá martes 9 de xullo coa función do prestixioso mago Cayetano Lledó, que ofrecerá en Fene o seu espectáculo Lafayette Show. Será a partir das 21 horas, baixo a carpa da praza do Alcalde Ramón Souto González. Trátase dun show que combina o encanto da maxia e o ilusionismo co teatro, a comedia, a interpretación, a música, a danza, a hipnose, o mentalismo e unha mestura de artes afíns.

O ciclo continuará ao longo da semana. Así, o mércores 10 de xullo, ás 20 horas, a praza acollerá unha cita máis que tradicional: o Certame de Habaneiras e Canto Coral, coa participación das corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén, das rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro.

A Festa dos Avós celebrarase o xoves 11 de xullo, a partir das 20 horas. Nela, distribuiranse gratuitamente racións –churrasco, bola, empanada e botella de auga- ata rematar existencias. Así mesmo, dende o Concello sinálase que a recadación das bebidas destinarase a Cáritas. Ademais do reclamo gastronómico, a zona contará con inchables para nenos e nenas. Ao remate da degustación, sobre as 22,30 horas, actuación estelar da orquestra La Trova Coruñesa, que traerá o seu espectáculo “Sabor a Min”.

O venres, pechando a programación, e ás 20,30 horas, lectura da Declaración Institucional no Monumento Día da Patria Galega a cargo de Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity. Laboratorio de Creación Artística e, a partir das 22 horas, concerto de De Vacas, que presentará o disco “Tour vacanal 2019”. Un espectáculo fresco como a auga dos regos. Unha mistura de voces e guitarra, armonías que estimulan os sentidos. Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en tódolos idiomas do mundo, pero aman aos nosos poetas por riba de todo. Rescatan retrousos olvidados, tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da Laranxeira. A vida ao seu lado toda é un carnival.

A programación deseñada polo Concello conta coa colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic.