O Concello de Fene celebra este mércores o Certame de Habaneiras e Canto Coral

O Concello de Fene celebra este mércores o Certame de Habaneiras e Canto Coral

Será a partir das 20.30 horas na praza do Alcalde Ramón Souto González

A praza do Alcalde Ramón Souto González acollerá hoxe 10 de xullo o tradicional Certame de Habaneiras e Canto Coral. Será a partir das 20.30 horas no marco do Ciclo Día de Galicia, co que o Concello de Fene conmemora tan sinalada data.

Nel, tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén, as rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e o Tradicoro.

Así mesmo, a programación continuará xoves e venres. O día 11, coa Festa dos Avós, a partir das 20 horas e reparto gratuíto de racións –con churrasco, bola, empanada e botella de auga- ata esgotar existencias. Así mesmo, dende o Concello sinálase que a recadación das bebidas destinarase a Cáritas. Ademais do reclamo gastronómico, a zona contará con inchables para nenos e nenas. E, a partir das 22,30 horas, actuación estelar da orquestra La Trova Coruñesa.

O día 12, e pechando a programación, a partir das 20,30 horas, lectura da Declaración Institucional no Monumento Día da Patria Galega a cargo de Laura Bouza, responsable de LauDas Calamity. Laboratorio de Creación Artística e, a partir das 22 horas, concerto na praza do Alcalde Ramón José Souto González de De Vacas, que presentará o disco “Tour vacanal 2019”. Un espectáculo fresco como a auga dos regos. Unha mistura de voces e guitarra, armonías que estimulan os sentidos. Gañaron premios, fixeron galas, bandas sonoras para programas de radio e televisión e músicas para anuncios publicitarios. Do Land Rober ao Luar, cantan en tódolos idiomas do mundo, pero aman aos nosos poetas por riba de todo. Rescatan retrousos olvidados, tarareos que foran populares nas voces de Cristina da Aguieira ou Mónica da Laranxeira. A vida ao seu lado toda é un carnival.

A programación, deseñada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e da Xunta, a través de Agadic.