O Concello de Fene abre o proceso de contratación de 6 peóns e 1 oficial albanel con cargo ao PIL da Deputación

O Concello de Fene abre o proceso de contratación de 6 peóns e 1 oficial albanel con cargo ao PIL da Deputación

As persoas interesadas en optar á selección poderán presentar a súa solicitude dende hoxe

Coa publicación onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) das bases, o Concello de Fene inicia o proceso de contratación laboral temporal, mediante sistema de concurso-oposición, de 6 peóns e 1 oficial albanel. As persoas interesadas en optar á convocatoria poderán presentar a súa solicitude dende hoxe venres 12 de xullo, e por espazo de 10 días hábiles. A contratación enmárcase no Programa de Integración Laboral da Deputación Provincial da Coruña, anualidade 2019.

Así, seleccionaranse seis peóns e un oficial albanel para a realización de obras e servizos mínimos municipais. As contratacións serán a 72% da xornada completa e cunha duración de 4 meses, realizándose na modalidade de duración determinada. As retribucións do persoal obxecto da contratación son as que lle corresponden de conformidade co convenio colectivo de aplicación. As retribucións brutas mensuais dos peóns ascenden a 1.304,66 € (1.118,28 € máis 186,38 € de p.p. extra) e as retribucións brutas mensuais do oficial albanel ascenden a 1.333,78 € (1.143,24 € máis 190,54 € de p.p. extra).

Así mesmo, os traballadores e traballadoras que se contraten deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados e dispoñibles para o emprego, entre outros requisitos.

Ademais, e dado que se trata dun plan de integración laboral, os/as destinarios/as e posibles aspirantes deberán estar incluídos/as en algunha das situacións de exclusión laboral seguintes: mulleres, ao ter un diferencial de índice de paro rexistrado sensiblemente superior ao dos homes; maiores de 45 anos; parados de longa duración (aos efectos deste programa terán esta consideración aquelas persoas que leven un mínimo de dous anos como demandantes de emprego); persoas con discapacidade (aquelas que teñan recoñecida, pola administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33%); persoas en situación de drogodependencia; persoas que vivan nun fogar onde ninguén teña emprego; persoas con fogar monoparental; persoas con problemas para atopar emprego polo idioma ou cuestións socioculturais; persoas vítimas de violencia de xénero, ou persoas sen fogar.