As mellores tapas creativas e tradicionais poderán degustarse en Fene dende este venres

As mellores tapas creativas e tradicionais poderán degustarse en Fene dende este venres

Once establecementos da hostalería local toman parte no XII Concurso de Tapas que impulsa o Concello en colaboración coa Asociación O Cruceiro

Once establecementos hostaleiros ofrecerán a partir de mañá venres as súas mellores propostas culinarias no marco do XII Concurso de Tapas de Fene, que organiza o Concello a través da Concellería de Promoción Económica e Turística en colaboración coa Asociación O Cruceiro. Será ao prezo único de 1,50 euros e o certame desenvolverase de venres a domingo ata o 24 de novembro. Será nos seguintes horarios: venres de 20 a 22 horas; sábados de 13 a 15 e de 20 a 22 horas, e os domingos de 13 a 15 horas. Un reclamo gastronómico para disfrutar do municipio.


Os locais participantes e as súas propostas son os seguintes: Agarimo (Polbo montado); A Ponte (Do Ganges ao Cádavo); Lembranza (Fajita Don Quijote); Friends (Mar e terra Friends); Nuevo Tarnas (Ovo en cazola); O Son da Cociña (Tosta Strogonoff); Candajo 103 (Xamón ao caldeiro); Jesy Bar (Caralludo); Pachamama (Salpicón de rape con emulsión de cítricos); Tívoli (Tosta Galega), e Encontro Leos (Salpicón).


No marco do certame, os establecementos dispensarán as Fenerrutas, tarxetas para ir selando nos diferentes locais e, unha vez completadas, entrar a formar parte do sorteo de agasallos do certame.


SORTEOS DE AGASALLOS
Entre os agasallos previstos están unha viaxe a Londres, Milán, Frankfurt, Barcelona, Madrid, Sevilla, Málaga ou Mallorca (en aloxamento e almorzo), cortesía de Estrella Galicia; unha escapada rural cortesía de Organiza Turismo y Eventos; 900 euros repartidos en vales para mercar en locais asociados da asociación O Cruceiro cortesía da entidade, e un servizo de limpeza de tapicería dun turismo cortesía de Ecolimpauto.


Estes premios complementaranse con outros a sortear entre aqueles clientes que participen do certame pero non cheguen a completar a Fenerruta. Son os seguintes: un pequeno electrodoméstico cortesía de Electro Agro Fene; un mes de clase de música cortesía da Escola Bellón-Maceiras; tres estuches de produtos cortesía de Bodegas Barral, e un libro de cociña cortesía de Imprenta San Esteban.


Os premios, ás tapas e aos establecementos gañadores, entregaranse nun acto público no que tamén se realizarán os correspondentes sorteos.