O Concello habilitará unha pista de xeo e programa o Campanadal para peques, patinaxe e xogos acuáticos en familia

O Concello habilitará unha pista de xeo e programa o Campanadal para peques, patinaxe e xogos acuáticos en familia

O calendario festivo deportivo en Fene inaugurarase este mesmo domingo, coa IX Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón

O Concello de Fene informa de que hoxe se abre o prazo de inscrición na oferta deportiva de Nadal

De cara o Nadal, o Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, anunciou esta mañá a apertura dunha pista de xeo natural e baixo carpa para delicia de nenos e maiores. Así mesmo, no día de hoxe, 11 de decembro, vén de abrir o prazo de inscrición no “Campanadal para peques”; nas “Clases de patinaxe para nenos/as e persoas adultas” e nun cursiño de iniciación á defensa persoal feminina. A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira ata o día 19 en horario de luns a venres de 9 a 13,30 horas e oS mércores 11 e 18, de 16,30 a 19 h.


Completan a programación a actividade de xogos acuáticos en familia e as exhibicións de baile moderno e bailes de salón, de carácter solidario, este domingo 15; de ximnasia artística, o domingo 22, e a Carreira e Andaina San Silvestre, o sábado 28 de decembro.


A pista de xeo natural, baixo carpa, estará emprazada na pista polideportiva de Perlío, do 20 de decembro ao 7 de xaneiro. En horario de mañá, de 11,30 a 13,30 horas e, de tarde, de 16,30 a 21 horas. Así mesmo, o día 24 o horario será de tarde, de 16,30 a 19,30 h, e o día 25, tamén de tarde, pero de 16,30 a 21 h. Ofreceranse sesións de 30 minutos e o prezo da actividade con aluguer de patíns e apoio de monitores é de 5 euros por persoa e sesión. É obrigatorio o uso de luvas. Así mesmo, o Concello tamén habilitará un inchable e carruseis neste espazo para os/as máis pequenos/as. Neste caso, en horario de tarde, de 17 a 21 horas (agás os días 24 e 31 de decembro –de 16,30 a 19,30 h-). O custe da ficha será de dous euros; o de 3 de cinco euros, e o de 8 de 10 euros.


Campanadal para peques. Trátase dun campamento orientado aos máis pequenos/as (nados/as do 2010 ó 2015) no que realizarán actividades variadas: xogos, manualidades, multideporte, baile, música... con contos cheos de maxia, con historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, disfruten, compartan, aprendan movéndose e gocen do Nadal. Celebrarase na aula e ximnasio do pavillón da Xunqueira os días 23, 24, 26 e 30 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro. De 10,30 a 13,30 horas. Ofértanse 22 prazas e o custe da actividade é de 15,70 euros.


Patinaxe para nenos/as nados/as en 2015 e anos anteriores e persoas adultas. Son cursiños de patinaxe dende iniciación ata técnicas avanzadas, nos que haberá tres grupos de aprendizaxe en cada hora, que se distribuirán segundo as idades e o nivel de cada participante. Precísanse patíns, casco, xeonlleiras e muñequeiras. Terán lugar no pavillón da Xunqueira o 23, 24, 26 e 30 de decembro, e 2 e 3 de xaneiro en dous grupos, de 11 a 12 e de 12 a 13 horas. Hai 24 prazas dispoñibles en cada quenda cun custe de 6,25 euros.


Xogos acuáticos en familia. O Concello de Fene oferta a nenos e nenas a
posibilidade de asistir á piscina para realizar actividades lúdicas utilizando o
material da instalación. Cada neno/a deberá estar acompañado por un adulto. No caso de irmáns/ás pode ser máis dun neno/a acompañados por unha persoa adulta. Para participar haberá que pagar só a entrada desta última: 3,25 euros e, no caso de dispoñer de bono deporte, este poderá ser utilizado do mesmo xeito que unha entrada normal, utilizando só unha entrada para a persoa adulta máis os/as menores. O Concello reservará tres rúas da piscina para esta actividade, de 11,15 a 13,30 horas. Non é necesario realizar inscrición previa, abonda con asistir e participar, aínda que os usuarios poden facer reserva da rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre. Terá lugar dende o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro na piscina municipal de Centieiras.


Iniciación á defensa persoal feminina. Terá lugar o 26 de decembro de 17 a 19 h, no ximnasio da Casa da Cultura, dirixido a nenas e mulleres maiores de 14 anos, é gratis, con prazas limitadas a 20. Aprenderanse técnicas de golpeo, defensa sobre agarres, e traballo sobre ataques no chan. É preciso levar roupa cómoda e calcetíns.

IX edición da Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón

Así mesmo, este domingo, 15 de decembro, o pavillón da Xunqueira albergará a IX edición da Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón. De 16,30 a 20 horas, tomarán parte clubes e escolas de toda a comarca e, no lugar de entrada, o público asistente poderá entregar produtos alimenticios non perecedoiros que irán destinados ás familias con menos recursos. Así mesmo, o domingo 22 de decembro, no mesmo escenario e de 10 a 13,30 horas, celebrarase a Exhibición de Ximnasia Artística. Nela participarán clubes da comarca e o local e a entrada é libre e de balde. Por último, e para despedir o ano, a Concellería de Deportes de Fene organizará o día 28 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Colaboran na programación deportiva Asociación Xuvenil Fene Movemento, Club Artes Marciais Fene, Club Escola Ximnasia Ferrolterra, Club BTT Fene, Clube Atletismo Fene, Federación Galega de Atletismo, Radio Club Alfa Charlie Fene, Sedega S.L., Torres de Núñez e Gadis.

Ligazóns