Novas

28-09-2021

Música, teatro e narración oral no outono cultural da Biblioteca Municipal de Fene

O espectáculo de Carlos Quintá “Un rei e outros animais” inaugura este xoves o ciclo de actividades de outono que organiza a Concellería de Cultura de Fene na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé. O programa inclúe cinco propostas dirixidas ao público infantil e familiar, as dúas primeiras organizadas no marco do programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e as tres restantes no de Ler conta moito, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Para abrir o ciclo, este xoves, 30 de setembro, ás 18.00 horas, actuará no salón de actos da Casa da Cultura o músico e manipulador de monicreques Carlos Quintá co espectáculo “Un rei e outros animais”. Nesta primeira función, os nenos e nenas contarán e cantarán historias e pezas da tradición galega e outras de nova creación, todas protagonizadas por animais, coa axuda de xoguetes sonoros e monicreques variados. Entrada libre até completar aforo.
27-09-2021

1 Outubro, día do orgullo Neofalante

Hai persoas que non falan galego desde sempre, senón que decidiron comezar a facelo nun momento determinado da súa vida. Son as imprescindibles neofalantes, das que estamos ben orgullos@s! E o 1 de outubro é o seu día, o Día do Orgullo Neofalante, desde que, de maneira retranqueira pero ben interesante, o declarou a AGAL - Associaçom Galega da Língua hai uns anos, coincidindo co aniversario do nacemento do exitoso cantante e neofalante orgulloso Andrés Dobarro (que neste 2021 cumpriría os 74 anos).

O 1 de outubro, Día do Orgullo Neofalante é unha data para para honrar a toda esa xente que se pasou ó galego con algúns aniños ao lombo e que intenta usalo aínda que cometa erros. Se é este o teu caso, non che deixes amolar e mostra con orgullo as túas equivocacións, todos somos novos en algo! Do mesmo xeito, se sodes galegofalantes dende sempre, podedes mostrar o voso apoio cara esta xente, que ben o merece! Tamén, se aínda non destes o paso e queredes facer desta lingua a vosa, que de mañá non pase! Sen medo, sen complexos.

Co lema “Súbete ao galego”, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol organizou, para o vindeiro 30 de setembro ás 19:00 h na Casa das Palmeiras de Neda, a presentación do documental BARULLO, acto no que intervirán Xosé Bocixa e Pepe Cunha. Realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, BARULLO é un Documental acerca da diversidade musical en lingua galega, con testemuñas e actuacións de grupos de pop, rock, tradicional, rap, canción de autor....
 
24-09-2021

Fíos máxicos no local da AV de Limodre

O local da AV de Limodre acolle este venres, ás 20.00 horas, o primeiro espectáculo do 3º Festival Teatral Entes Animados 2021 no Concello de Fene. O protagonista da función, dirixida a público infantil e familiar, será o marionetista portugués Rui Sousa cunha montaxe titulada “Fíos máxicos”. Entrada libre até completar o aforo.
 En "Fíos máxicos", “varias marionetas de fíos desfilan e exhiben as súas habelencias coa música, coa danza e, mesmo, co circo. Todas elas presentan un truco, unha fantasía ou unha sorpresa que leva ao público cara un mundo máxico e encantado”. 
A propósito do artista, “logo dun período de aprendizaxe no eido da pintura e unha formación musical, pasando polo ensino e animación, Rui Sousa transformouse en marionetista profesional, exercendo a profesión até a actualidade. Como marionetista é recuperador das tradicionais artes das marionetas de fíos (vertente de variedades) e Teatro Dom Roberto, elevándoas a patrimonio vivo. Máis alá da súas actividade en teatros, auditorios e centros de ensino, adoita estar presente na case totalidade dos festivais de monicreques en Portugal e en toda a península ibérica”.
21-09-2021

Fene súmase ao Festival Teatral Entes Animados con funcións en Limodre e Sillobre esta fin de semana

Do venres 24 ao domingo 26 de setembro, os Concellos de Fene, Neda, Mugardos, Cabanas, Ares e Sada, xunto coa asociación veciñal de Canido e os establecementos La Room e Sevilla, de Ferrol, acollerán ao redor dunha quincena de espectáculos de monicreques, no marco do 3º Festival Teatral Entes Animados, FESTEA, que promove a Asociación Cultural Titerario. As citas en Fene serán no local da A.VV. de Limodre, este venres ás 20.00 horas, coa compañía portuguesa Rui Sousa, e en Agarimo de Sillobre, o domingo ás 13.00 horas, co grupo Flash Teatro. Námbolos dous casos, a entrada será libre até completar o aforo dispoñible.
17-09-2021

A terra de Escandoi, a creación dun mundo...

Fene disponse a homenaxear os 25 anos na literatura e os 35 anos no xornalismo de Ramón Loureiro cun acto, organizado pola Concellería de Cultura e o Club de Prensa de Ferrol, que terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene. Dadas as limitacións de aforo, para asistir ao acto é imprescindible reservar praza antes das 12:00 h do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
15-09-2021

Fene abrirá en outubro o prazo de inscrición para as escolas culturais de música

A Concellería de Cultura publica a normativa xeral de matriculación para as escolas culturais municipais de piano-solfexo e guitarra, dirixidas a nenos/as a partir de cinco anos e poboación en xeral. Atendendo aos protocolos Covid, as persoas que desexen anotarse en calquera das dúas actividades, deberán solicitar cita previa do 1 ao 4 de outubro nos teléfonos 981 492 804 ou 607 626 812, de 8:30 e as 14:00. Unha vez solicitada a cita, presentaranse nas dependencias administrativas do Pavillón “A Xunqueira” de San Valentín no día e hora sinalados, tendo en conta que os días 5 e 6 de outubro realizaranse as inscricións para os residentes en Fene e o día 7 para a totalidade da poboación. Este novo curso das escolas culturais de música do Concello de Fene prolongarase dende o luns 18 de outubro de 2021 ao 31 de maio de 2022. A incorporación farase no primeiro día fixado para cada actividade.
13-09-2021

Cambio no horario da Biblioteca, Museo do Humor e Casa da Cultura de Fene

Co fin das vacacións escolares , a concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) reanudando o horario habitual de inverno:
Casa da Cultura e Museo do Humor: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Biblioteca Municipal: de luns a venres de 16:00 a 21:00. Sábados de 10:00 a 13:00
13-09-2021

Cándido Pazó trae a Fene o seu espectáculo "Como dicía o outro"

Cándido Pazó visita Fene para presentarnos un espectáculo de narración oral con misturas de humor, emoción, imaxinación e memoria. Un monólogo cómico no que se enfían historias que se xestionan sobre a marcha, segundo o ambiente, o público, as circunstancias do día. En resumo, contos e lerias para tódolos públicos.
A actuación será no Local Social do ACRD O Pote de Maniños o venres, 17 de setembro de 2021 ás 21.00 horas
Un espectáculo dirixido a tódolos públicos con entrada de balde sen reserva até completar aforo
08-09-2021

Fene conmemora os 25 anos de literatura do escritor e xornalista Ramón Loureiro

A concellería de Cultura de Fene e o Club de Prensa de Ferrol organizan a presentación do novo libro de Ramón Loureiro, Las máscaras del fin del mundo. O acto, no que ademais do autor intervirán a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto, o poeta e editor, Xulio López Valcárcel, a profesora Esperanza Piñeiro de San Miguel e o alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, terá lugar o vindeiro xoves, 23 de setembro, ás 20:00 h nas instalacións do CMI Unidade de Fene. Para asistir, é imprescindible reservar praza antes das 12:00 horas do 21 de setembro no correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou no teléfono 981 340 366.
07-09-2021

Baobab Teatro trae a Fene este domingo os seus Contos para un caldiño

O local social da SCRD Agarimo de Sillobre acolle este domingo, ás 13.00 horas, o espectáculo familiar “Contos para un caldiño”, da compañía Baobab Teatro. Trátase dun espectáculo de contos moi divertido e participativo, recomendado para nenos/as a partir de 3 anos e familia. A entrada será de balde até completar o aforo.