Novas

04-07-2023

O humorista Xosé Touriñán actuará na Praza do alcalde Ramón J. Souto González o sábado 15 no marco do ciclo Xullo, mes da Patria

O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 10.00 horas, comezará na Casa da Cultura de Fene (Avda. De Conces, 20-22) o reparto de invitacións para asistir ao espectáculo “Aquí tou!” que o actor e monologuista Xose Touriñán presentará en Fene o sábado 15, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural). Entregaranse un máximo de 3 entradas por persoa ata esgotar as localidades dispoñibles. Dende a Concellería de Cultura lembran que a función, prevista para o día 15 de xullo, ás 22 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González -a carón da Casa do Concello- está recomendada para público adulto.
03-07-2023

O ciclo Xullo, Mes da Patria inaugúrase este venres cunha festa infantil a carón da Casa do Concello

A Praza do alcalde Ramón José Souto González será o escenario este venres, 7 de xullo, da primeira actividade do ciclo que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. A festa infantil, a cargo de La Guagua, desenvolverase desde as 18 até as 21 horas e incluirá xogos acuáticos, festa da escuma, batallas con pó de cores, música, xogos xigantes, camas elásticas e inchables de auga. A entrada será libre e de balde. 
29-06-2023

O Concello de Fene leva o circo de rúa de Kote Malabar á Romaría do Camiñante

A tradicional Romaría do Camiñante que organiza a Liga de Amigos de Barallobre celébrase este sábado, 1 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo de circo de rúa a cargo de Kote Malabar. A función comezará ás 20 horas nos arredores do local da Liga de Amigos, con entrada libre e de balde.
 
28-06-2023

A exposición Pacto Verde Europeo amosarase na Praza 10 de marzo durante a primeira quincena de xullo

A mostra Pacto Verde Europeo do centro Europa Direct da Deputación da Coruña inicia este venres o seu terceiro verán de xira por concellos da provincia co obxectivo de “achegar á cidadanía de maneira didáctica e sinxela os obxectivos e medidas da política medioambiental e climática da Unión Europea”. A exposición pasará en primeiro lugar por Fene, amosándose do 30 de xuño ao 14 xullo na “Praza do 10 de marzo”, en San Valentín. O acto de inauguración terá lugar o vindeiro luns, 3 de xullo, ás 21.00 horas, presentándose durante o mesmo a performance “Europa Verde” con danza, acrobacias e malabares, ao son do himno europeo; así como a grabación dun vídeo. A exposición tamén ten unha dimensión interactiva con "A Aventura do Pacto Verde Europeo", un escape-room virtual destinado á infancia e mocidade, ao que se accede a través dun código QR.
22-06-2023

XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene convoca, coa colaboración do Concello de Fene, a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame, que naceu para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios, ten como obxectivo premiar un libro de autor inédito en lingua galega, promovendo así a inclusión de novas voces no sistema literario galego.
22-06-2023

Xullo, Mes da Patria no Concello de Fene

Cunha festa infantil na Praza do alcalde Ramón José Souto González comezará o venres 7 de xullo o ciclo “Xullo, mes da Patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. O ciclo incluirá o tradicional Festival de Habaneras e Canto Coral (13 de xullo), un espectáculo infantil a cargo de Fantoches Baj (14 de xullo en San Valentín), un monólogo a cargo de Xosé Touriñán (15 de xullo), concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra (20 de xullo) e Ataque Escampe e Familia Caamagno (21 de xullo). O programa concluirá o sábado 22 de xullo coa lectura, ao mediodía, da declaración institucional polo Día da Patria Galega -a cargo da exconcelleira, exdeputada provincial e actual presidenta da AVV de Limodre, Ana Santiago- e cun concerto pola noite de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán con entrada libre e de balde, agás o monólogo de Touriñán que será gratuíto pero con reserva previa de entradas e aforo limitado.
19-06-2023

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, a partir do xoves 22 de xuño (inclusive) e até o vindeiro 10 de setembro (inclusive), o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada. O luns 11 de setembro retomarase o horario habitual da instalación.
09-06-2023

Listados Verán máis alá 2023

Rematado o prazo de matriculación provisional en Verán máis alá!, ao rexistrarse máis solicitudes que prazas dispoñibles por quincena, e aplicados os criterios de baremación (*) que rexen a adxudicación das prazas por cada quincena, procédese á publicación das persoas admitidas e excluídas na actividade:

-        Listado admitidos/as na 1ª quincena
-        Listado admitidos/as na 2ª quincena
-        Relación de persoas excluídas que conforman a lista de agarda
02-06-2023

O luns 5 de xuño abre o prazo de matriculación provisional para o Verán Máis Alá 2023 de Fene

Programa  dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2011 e 2019 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 3 ao 28 de xullo en horario de 8:00 a 14:30 h. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
Para facer a matrícula provisional, cómpre achegar a documentación do 5 ao 7 de xuño ambos inclusive por medios telemáticos ou presencialmente para aquelas persoas que obtiveran a cita previa nestes días.
Ás 14.00 horas do 9 de xuño, se publicará na web a relación coa Matrícula Definitiva en Verán máis alá!
01-06-2023

Festival de fin de curso das Escolas Municipais de Música

As Escolas Municipais de Piano e Guitarra 2022/23 do Concello de Fene chegan ao seu fin. Por este motivo, a Concellería de Cultura organiza para este venres, 2 de xuño, o festival de clausura de ámbalas dúas actividades ás que asistiron ao longo do presente curso escolar ao redor de 30 persoas. O certame comezará o venres ás 17 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene e terá como protagonista ao alumnado infantil e xuvenil das devanditas escolas.

No decurso do Festival de Fin de Curso das Escolas de Música de Fene soarán temas clásicos e composicións tradicionais, todo un repertorio musical protagonizado polo alumnado da escola.

Actuación aberta ao público