Novas

13-06-2020

O Concello de Fene autoriza a reapertura das instalacións deportivas ao aire libre

Tralo anuncio de que as instalación deportivas municipais cubertas continuarán pechadas durante o verán, a Concellería de Deportes de Fene informa hoxe da reapertura das instalacións deportivas ao aire libre. A medida afecta ás pistas polideportivas de Centieiras (Perlío), A Xunqueira (San Valentín), Fene, Limodre, Sillobre, Magalofes e Maniños, xunto coas pistas de atletismo do Pazo (Barallobre).

As instalacións deportivas ao aire libre do Concello de Fene poderán empregarse “sempre que os/as deportistas e demais usuarios das mesmas cumpran os requisitos e as normas básicas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias para previr os contaxios da COVID 19”.
08-06-2020

As instalacións deportivas municipais do Concello de Fene continuarán pechadas durante o verán

A piscina municipal de Centieiras non abrirá durante os meses de verán. A Concellería de Deportes tomou esta decisión tendo en conta as restricións establecidas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade dos/as usuarios/as e as particulares características da instalación fenesa. Segundo informa a responsable da área, Ángeles Coira, “as reducidas dimensións do hall, corredores, vestiarios e aseos da piscina municipal non permiten garantir o distanciamento social de dous metros que exixe esta nova normalidade”, ademáis de que condicionarían a asistencia a nado libre das persoas usuarias (sendo posible únicamente para un número moi reducido deles).  

Por outra banda, o campo de fútbol abrirá no mes de agosto para que os clubs federados de Fene poidan realizar a súa pretempada se así o precisan, sempre cumprindo o estipulado polo Ministerio de Sanidade en cada momento no que se refire a medidas de hixiene, distanciamento entre xogadores, grupos máximos nos adestramentos, etc.

O pavillón polideportivo da Xunqueira abrirá a partir do 1 de setembro para o adestramento de pretempada dos equipos federados do Concello de Fene, cumprindo igualmente o estipulado polas autoridades sanitarias competentes para garantir a seguridade das xogadoras e dos xogadores.

O Concello determinará no mes de xullo os prazos de solicitude de adestramento para estas dúas instalacións. Estes prazos así como as follas de solicitude, serán comunicados e enviados aos clubs e entidades deportivas municipais. 
03-06-2020

Suspensión temporal da reserva previa nas escolas deportivas municipais

Debido á nova situación provocada polo COVID19, a reserva previa nas escolas deportivas municipais para o curso 2020 – 2021, que habitualmente se facía nos meses de xuño e xullo, queda temporalmente suspendida, xa que non se pode garantir a seguridade do alumnado nas condicións e ratios establedidas ata a chegada da pandemia.

A programación e posterior reserva ou matriculación nestas escolas non se retomarán ata que estean concretados e definidos, por parte da Xunta de Galicia, uns protocolos de actuación referentes ás escolas deportivas e aforos nas instalacións municipais que garantan a seguridade de todo o alumnado.

Os protocolos de actuación e a normativa de matriculación actuais adaptaranse no seu momento segundo as directrices que establezan as autoridades sanitaria
27-02-2020

O Judo Galego reúnese este sábado en Fene no “XogaJudo” e na cuarta xornada da Liga “Liga Galega Rías Altas"”

Máis de seiscentos judokas procedentes da zona norte de Galicia participarán este sábado, 29 de febreiro, no pavillón de San Valentín, nunha xornada adicada ao judo que combinará xogo e competición. O programa arrincará ás 11.00 horas co Xogajudo, xornada de Deporte Escolar que patrocinan a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Fene. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, arrincará a competición da cuarta xornada da Liga Galicia Rías Altas, correspondente á primeira da Liga de Ferrolterra.
30-01-2020

VIII Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene este domingo no pavillón de A Xunqueira

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, acollerá este domingo 2 de febreiro a VIII edición do Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene. Puntuable para o ránking nacional, celebrarase en horario de 11,30 a 20 horas coa participación de bailaríns e bailarinas de todas as idades.

Así, a competición estará dividida en catro bloques: Categoría Bailes Caribeños (de 11,30 a 12,45 horas); Categoría Standard (de 13,45 a 16 horas); Categoría Danza Coreográfica e Open Latino (de 17 a 17,55 horas) e Categoría Latinos (de 18,45 a 19,45 horas). Ao remate de cada unha, celebrarase a correspondente entrega de trofeos.

A cita está organizada por Fene Movemento coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene.
23-01-2020

62 equipos procedentes de toda España participarán en Fene na segunda fase da IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística

O pavillón de A Xunqueira, en San Valentín, albergará esta fin de semana a IV Liga Ibérica de Ximnasia Artística. Tomarán parte un total de 62 equipos procedentes de toda España –de comunidades como Madrid, Cataluña, Euskadi, Valencia, Castela e León, Illas Baleares e Galicia-. No seu conxunto, reuniranse uns 500 deportistas.
A cita deportiva celebrarase sábado e domingo e as categorías nas que participarán os equipos son as seguintes: a división B, cun total de 17 equipos e con representación local a través do Club Ximnasia Ferrolterra, terá lugar o sábado de 9 a 14,10 horas. A entrega de trofeos está prevista ao remate. De tarde, entre as 16 e as 21,30 horas será a quenda da división kids, con 18 equipos e tamén representación do Club Ximnasia Ferrolterra.
20-01-2020

Peche das instalacións deportivas municipais descubertas e cancelación dos adestramentos ao aire libre

A Axencia estatal de meteoroloxía e  Meteogalicia informan para esta xornada dun fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos, que pode afectar a noso concello dende ás 10 h. do día de hoxe, luns 20 de xaneiro, até as primeiras horas do día 22 de xaneiro.

Perante esta situación, o Concello de Fene anuncia o peche das INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DESCUBERTAS MUNICIPAIS  DURANTE A TARDE DE HOXE DÍA 20, E A XORNADA DE MAÑÁ 21 DE XANEIRO polo que se deberán  cancelar os posibles adestramentos  previstos.
09-01-2020

Unhas 200 nenas e nenos tomaron parte en Fene na Exhibición do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra

O pavillón de San Valentín acolleu o pasado sábado a tradicional Exhibición de Nadal do Club de Ximnasia Artística Ferrolterra, despois de que tivese que ser aprazada por mor do temporal. O festival, no que as/os ximnastas do clube amosaron o aprendido nestes meses, artellouse a modo de Xogos Olímpicos. Así, cada un dos dez grupos que conforman o clube representaba a un país e un deporte... realizando exercizos de ximnasia artística nos distintos aparellos: chan, barra, paralelas e salto.
27-12-2019

Máis de 500 persoas tomarán parte na Carreira e Andaina de San Silvestre de Fene

Un total de 529 persoas inscribíronse na Carreira e Andaina de San Silvestre que celebrará este sábado 28 de decembro o Concello de Fene. Será polas rúas do municipio, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo c caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo. Na carreira absoluta anotáronse 275 atletas, namentras que nas categorías menores están apuntados 151, e a andaina contará con 103 participantes.
23-12-2019

Últimos días para anotarse na Carreira e Andaina de San Silvestre de Fene

O Concello de Fene celebrará este sábado 28 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas do municipio, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para todas as categorías de menores e de 2 euros para a carreira absoluta. As persoas interesadas en anotarse teñen de prazo ata mañá martes, ás 23,59 horas.