Novas

20-04-2022

Aberto o prazo dos campamentos deportivos de verán da Deputación da Coruña

Dirixido á rapazada, o programa contará con diversas actividades deportivas e culturais do  26 de xuño ao 1 de xullo, no IES Rosalía Mera na Coruña.

Fene conta con 6 prazas , as persoas interesadas poderán anotarse ata o 20 de maio no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene. 
14-02-2022

O judo galego volve á normalidade en Fene

Máis de 500 judocas participaron esta fin de semana en Fene na segunda xornada da Liga Galicia Rías Altas, nas categorías cadete, infantil e alevín, e nunha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), actividades que se complementaron cunha charla sobre as novas normas de arbitraxe en judo e cunha master class, dirixida polo deportista olímpico Roberto Naveira. Logo dunha fin de semana tan intensa no pavillón de San Valentín, os organizadores -Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra- salientan que “o judo galego comeza a recuperar a normalidade nas súas actividades”.
09-02-2022

Novo grupo de educación física contra a fatiga oncolóxica

O Concello de Fene abrirá un novo grupo da actividade de Educación física contra a fatiga oncolóxica, destinado a persoas que pasaran a enfermidade recentemente ou que se atopen actualmente en tratamento. A actividade desenvolverase no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, os luns e mércores de 17:00 a 18:30 horas.
Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada, que trata de axustarse en tódolos casos ás características e posibilidades de cada persoa. Baséase nos contidos propios da Educación Física, así como tamén exercicio cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, forza a nivel funcional, equilibrio, coordinación,... empregando para tal fin os exercicios físicos e os métodos máis aconsellables para cada persoa.
 
08-02-2022

O judo galego dase cita en Fene

Coa celebración da segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de Judo botará a andar este sábado no pavillón da Xunqueira de San Valentín unha intensa fin de semana adicada a este deporte. Serán dous días, o sábado 12 e o domingo 13 de febreiro, nos que confluirán distintas actividades como a segunda xornada da Liga Galega Rías Altas de judo, unha charla sobre as novas normas de arbitraxe, unha master class cun judoka olímpico ou unha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). As actividades están organizadas pola Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra. Entrada libre até completar o aforo.
27-01-2022

Fene converterase o sábado e o domingo na capital mundial do baile deportivo

O pavillón municipal da Xunqueira vivirá este sábado e domingo dúas xornadas moi intensas. Alí daranse cita cerca de 500 bailarinas e bailaríns  procedentes de 26 países no que será un dos eventos de baile deportivo estándar e latino de maior relevancia de cantos se teñen celebrado no Estado. E non é para menos, xa que a Dance Sport Cup Fene 2022 reunirá en San Valentín "ao mellor do mellor" destas disciplinas nun encontro con probas desde a categoría Junior até a Senior 4 (+de 60 anos). Ademais, no marco desta copa tamén se desenvolverán as series clasificatorias europeas de baile deportivo latino para obter o pase  aos Xogos Mundiais que terán lugar nos Estados Unidos no mes de xullo. As entradas poden adquirirse a través desta ligazón e a competición poderá seguirse por internet a través de LaLiga4 Sports e nas canles da Federación Española e da Federación Mundial de baile deportivo.
16-12-2021

Prazas libres no Campanadal, patinaxe e no curso guateo e pateo

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, lembra que o mércores 22 de decembro remata o prazo de inscrición na  oferta de actividades deportivas programadas de cara o Nadal.

Aínda quedan prazas vacantes no Campanadal, nos cursos de patinaxe e máis no curso de guanteo e pateo. A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do departamento de deportes (avenida naturais 44)  ata o día 22. As persoas interesadas deberán de  solicitar cita previa no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene no teléfono 981 340 366. De luns a venres: De 8:00 a 14:00 horas.
13-12-2021

O pavillón de San Valentín acolle até finais de mes a exposición Galiza, un pobo, unha selección

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, foi o encargado de inaugurar o pasado venres a exposición Galiza, un pobo, unha selección, mostra impulsada por Vía Galega coa colaboración do Concello, que se poderá visitar en Fene até o vindeiro 30 de decembro. Ao acto, que tivo lugar no pavillón da Xunqueira, asistiron tamén a concelleira de Deportes de Fene, Ángeles Coira, e o voceiro da plataforma Vía Galega, Anxo Louzao. A mostra pode visitarse nesta instalación municipal de luns a venres, de 17:00 a 20:00 horas, e durante as fins de semana nos horarios das competicións.
07-12-2021

O venres día 10 abre o prazo de inscrición nas actividades deportivas deste Nadal

De cara o Nadal, o Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, anunciou esta mañá os prazos de inscrición nas actividades deportivas programadas: campanadal, patinaxe, xogos acuáticos en familia  e obradoiro de guateo e pateo.

A inscrición debe formalizarse nas dependencias administrativas do departamento de deportes (avenida naturais 44) dende o día 10 ata o día 22. As persoas interesadas deberán de  solicitar cita previa no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene no teléfono 981 340 366. De luns a venres: De 8:00 a 14:00 horas.

Completan a programación a  actividade de xogos acuáticos en familia  e a exposición Galiza unha selección. Exposición impulsada por Vía Galega coa colaboración do Concello de Fene, que se poderá visitar no pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín) do 10 ao 30 de decembro de 2021.
03-12-2021

46 pilotos de Galicia e Asturias competirán este domingo no Slálom Scratch Fene

Achégase desde Barcelona José Calvar, quen adquiriu sona pola súa vitoria en diferentes carreiras pilotando de xeito espectacular un Seat Marbella. Os vehículos pelexarán por 8 trofeos especiais e polo Gran Premio Apartamentos Auga. 
A organización convidou a achegarse ese día ao polígono de Vilar do Colo para gozar coas probas, aínda que gardando todas as medidas de seguridade. 
O alcalde de Fene Juventino Trigo, a concelleira de Deportes Angeles Coira e os membros da Escudería Scratch Fene, Edgar Vigo e Fátima Ameneiro, presentaron a proba este mediodía na Casa do Concello de Fene.
Sergio Pena de Ares , Manuel Trebín có automobil club As Pontes e Manuel Souto de Oroso xogaranse este domingo no Slálom de Fene o Campionato Galego de Slálom. Pero xunto deles haberá outros pilotos que pelexen pola vitoria, segundo explicaba Edgar Vigo, da organización. A primeira manga no Slálom de Fene comezará o domingo arredor das catro menos cuarto da tarde. A segunda principiará entre as seis e as seis e media, co que se correrá xa de noite. A temperatura e a adherencia é maior coa luz do día e os coches son quen de xirar a maior velocidade. Por iso é posíbel que os tempos da primeira manga sexan mellores que os da segunda. Todo iso estará tamén marcado pola climatoloxía.
Slálom Scracth Fene. Este domingo no parque empresarial de Vilar do Colo en Fene.
29-11-2021

O Concello de Fene abre este martes o prazo de inscrición para a Campaña da neve 2022 da Deputación provincial

Do 18 ao 21 de febreiro de 2022, sete nenos/as do Concello de Fene poderán viaxar á estación Valgrande-Pajares (Asturias), no marco da Campaña da Neve 2022 que promove a Deputación da Coruña. A actividade vai dirixida a rapaces/zas de 12 a 15 anos (inclusive), cumpridos a 31 de decembro de 2021. Segundo informa o departamento de Deportes do Concello de Fene, o prazo para apuntarse permanecerá aberto dende o martes 30 de novembro ao martes 14 de decembro no Departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais, 44, entrechán) en horario de 8.30 a 14.00 horas, de luns a venres, e os mércores tamén de tarde, de 16.00 a 18.00 horas. No momento da inscrición, as persoas interesadas deberán cubrir un formulario e presentar un volante de empadronamento do/a neno/a no que se acredite que leva empadroado/a no municipio como mínimo dende o 1 de novembro de 2021.