Novas

18-04-2024 -

Revolution Xuventude

18-04-2024 -

A Biblioteca Municipal de Fene conmemorará o vindeiro martes o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio”, festexará a biblioteca de Fene o Día do Libro, o vindeiro martes 23 de abril, ás 18 horas (entrada libre e de balde até completar o aforo). Trátase dunha función de maxia clásica adaptada aos nosos tempos, con aparicións e desaparicións, levitacións imposibles e maxia interactiva na que o público será o grande protagonista.
17-04-2024 -

O Fondo Galego pon en marcha en Fene o obradoiro “Todos os ODS son locais” para implementar a Axenda 2030

O concello de Fene impulsará a implementación da Axenda 2030 no eido local a través do obradoiro ‘Todos os ODS son locais’, facilitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’.
A formación terá lugar o día 25 de abril de 10.00 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Avda Fene.
A actividade esta dirixida a persoal político e técnico dos municipios, tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes, ANPA, etc. As administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.
O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. As e os asistentes recibirán mesmo unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.
16-04-2024 -

Xurxo Lobato presenta o seu libro “Rostros de la memoria. Ferrol 1972” en Fene 

A Casa da Cultura de Fene acolle o xoves 18 de abril a presentación do libro Rostros da Memoria Ferrol 1972. Será ás 19.00 h, nun acto no que contaremos coa presenza do autor Xurxo Lobato; o alcalde de Fene, Juventino Trigo e Susana Alaniz, presidenta da Asociación Cultural Fuco Buxán. No acto; aberto á cidadanía até completar aforo; o autor conversará sobre o libro, protagonizado por trinta persoas fotografadas en branco e negro, que sufriron a represión franquista polas loitas obreiras de Ferrol de 1972. Actividade organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán coa colaboración do Concello.
16-04-2024 -

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial darán a coñecer o 20 de maio os debuxos gañadores do concurso Demo Pequeno

Na recta final do prazo estipulado para a presentación de debuxos, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial avanzan as datas nas que se reunirá o xurado e se dará a coñecer o fallo do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. A coordinadora do museo fenés, Almudena Marcos, o responsable da editorial coruñesa, Manel Cráneo, e os debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón formarán o xurado desta segunda edición do certame que convocan o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, e Demo Editorial. 
15-04-2024 -

Nova charla da Escola de Hábitos Saudables sobre a prevención do sobrepeso e a obesidade

A Casa da Cultura de Fene acollerá este mércores 17 de abril, ás 12 horas, a cuarta sesión da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración do Concello de Fene. Nesta nova cita, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre Abordaxe nutricional e prevención da obesidade e comorbilidades asociadas. Importancia do binomio: alimentación saudable e exercizo físico. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.
15-04-2024 -

Máis de 300 palilleiras de todo o País déronse cita este sábado en Fene

Chegadas de diferentes puntos do País, máis de 300 palilleiras de todas as idades déronse cita este sábado en Fene nunha nova edición do Encontro de Palilleiras. O repenicar dos bolillos foi o protagonista dunha xornada que serviu para poñer en balor a arte tradicional do encaixe, e o traballo das escolas e entidades na súa preservación.
12-04-2024 -

Pautas de actuación para familias con menores en situación de risco, no ciclo Acompañar no reto de educar

Intoxicacións, adiccións ou autolisis, son algúns dos temas que se abordarán o vindeiro luns, 15 de abril, nunha nova sesión do programa de apoio ás familias e de prevención de condutas aditivas que organizan os Servizos Sociais de Fene a través da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda. A actividade desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18 a 20 horas, e vai dirixida a todos os públicos, Anpas, entidades sociais, familias e preadolescentes. Ao fronte da mesma estará María Canabal Regueira, enfermeira, técnica superior en Emerxencias no 061, instructora de formación sanitaria e rescatadora sanitaria no GERA Galicia.
11-04-2024 -

Todo preparado para celebrar unha nova edición do Encontro de Palilleiras

O Encontro de Palilleiras, terá lugar o sábado 13 de abril no Pavillón A Xunqueira de San Valentín. Unha cita organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes, do CPS de San Valentín, da SCRD Agarimo de Sillobre e da Liga de Amigos de Barallobre.
A edición deste ano volverá xuntar varios centos de palilleiras procedentes de todo o País. Ademais, está prevista a participación de 32 postos de artesanía e materiais relacionados co tecido, que permitirán ás visitantes achegarse a coñecer o senfín de elaboracións que se poden realizar coa técnica do palillado, e tamén mercalas.
09-04-2024 -

15 mozas e mozos fórmanse no Obradoiro Inicia VII que se está a desenvolver no Concello de Fene

Obradoiro, promovido polo Concello de Fene -xunto cos concellos de Ares, Cabanas e Mugardos- e destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos en situación de desemprego, que ten como principal obxectivo que estas persoas poidan ver mellorada a súa inserción laboral mediante un programa que combina a formación teórico – práctica.
O Inicia VII estase a impartir na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial, unha especialidade con gran demanda na comarca.