Novas

23-12-2019 -

Baobab Teatro trae este xoves á Casa da Cultura de Fene a súa obra “Puño Puñete”

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá este xoves 26 de decembro, a partir das 12 horas, a función “Puño Puñete”, a cargo de Baobab Teatro. Dirixida a un público familiar e infantil de entre 1 e 9 anos, a entrada é libre e de balde ata completar o aforo. Incluída na programación cultural de Nadal deseñada pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, propón unha viaxe a través das palabras e da música, rescatando ditos populares, refráns, poemas, lerias e enredos.
23-12-2019 -

Últimos días para anotarse na Carreira e Andaina de San Silvestre de Fene

O Concello de Fene celebrará este sábado 28 de decembro a Carreira e Andaina de San Silvestre. Será polas rúas do municipio, con percorridos que oscilan, segundo a idade, entre os 100 e os 5 kms. En todo caso, arrancará ás 16,30 horas da casa consistorial, cun marcado espírito festivo, a participación é gratuíta para todas as categorías de menores e de 2 euros para a carreira absoluta. As persoas interesadas en anotarse teñen de prazo ata mañá martes, ás 23,59 horas.
20-12-2019 -

Suspendidas todas as actividades culturais e deportivas dependentes do Concello de Fene durante o período de alerta vermella

Perante as condicións meteorolóxicas adversas (alerta vermella por fenómenos costeiros e vento) previstas para esta fin de semana, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, vén de publicar un Bando Municipal de Urxencia no que se anuncia a suspensión de "todas as actividades culturais e deportivas dependentes do Concello durante o período de alerta vermella (sábado dende as 14.00 horas)". Tamén se informa do "peche do Cemiterio Municipal durante a tarde do día 21 de decembro do 2019" e do peche ao público de pavillóns deportivos, pistas deportivas e pía municipal a partir das 14.00 horas do sábado. 
20-12-2019 -

Nenas e nenos xa poden depositar as súas cartas para os Reis Magos no buzón real instalado na casa consistorial

No día de hoxe, os paxes dos Reis Magos instalaron na casa consistorial de Fene un buzón real para que as nenas e nenos do municipio poidan depositar as súas cartas. Nesta liña, o Concello anima aos máis pequenos a escribir as súas peticións e desexos e entregar as misivas xa que, nos próximos días, serán recollidas polos mesmos paxes para a súa entrega aos Reis Magos.
20-12-2019 -

A Igrexa de Maniños será escenario este sábado do XIX Festival de Panxoliñas

As citas musicais de Nadal continuarán este sábado 21 de decembro na Igrexa Grande de Maniños. A partir das 20 horas, o templo será escenario do XIX Festival de Panxoliñas. Con entrada libre e aforo limitado, tomarán parte no mesmo o Tradicoro, Rondalla Perla del Río, Coral Eterna Xuventude, Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, Coral Polifónica de San Valentín, Coral Polifónica O Pote e Rondalla Estrelecer.
19-12-2019 -

O Concello de Fene aproba en pleno os investimentos do POS+2020

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da aprobación en pleno das propostas de investimento con cargo ao POS+2020. Propostas que saíron adiante cos votos do grupo de goberno e a abstención das restantes formacións políticas. Así, o Concello reservará unha partida de 232.412,90 euros para a pavimentación e mellora de servizos na rúa Alcalde Gerardo Díaz, entre o camiño do Inferniño e a rúa da Travesa. Executará tamén obras de pavimentación e saneamento no lugar de Cornide por valor de 105.044,56 euros e levará a cabo a substitución das carpinterías exteriores e máis a remodelación dos baños na casa consistorial
cun investimento de 243.676,83 euros.
19-12-2019 -

O Concello de Fene pon en marcha a pista de xeo natural este venres

Para delicia de nenos e maiores, o Concello de Fene abrirá este venres as portas da pista de xeo natural. Estará baixo carpa, na pista polideportiva de Perlío ata o 7 de xaneiro. En horario de mañá, de 11,30 a 13,30 horas e, de tarde, de 16,30 a 21 horas. Así mesmo, o día 24 o horario será de tarde, de 16,30 a 19,30 h, e o día 25, tamén de tarde, pero de 16,30 a 21 h.
19-12-2019 -

Festival de Nadal da Escola Municipal de Solfexo e Piano e concerto do coro Son Elas, este venres no Concello de Fene

A programación cultural de Nadal deseñada polo Concello continuará este venres 20 de decembro con doble cita musical. Así, ás 17 horas, no salón de actos da Casa da Cultura, os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Solfexo e Piano ofrecerán o tradicional Concerto de Nadal, con entrada libre e de balde ata completar aforo e, ás 19 horas, pero na Igrexa Parroquial de San Xurxo de Magalofes, o coro Son Elas protagonizará un concerto cun repertorio moi navideño.
18-12-2019 -

Últimos días para apuntarse a Campanadal, patinaxe e no curso de defensa persoal

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, lembra que mañá xoves 19 de decembro remata o prazo de inscrición na ampla oferta de actividades deportivas programadas de cara o Nadal. Aínda quedan algunhas prazas vacantes no Campanadal, nos cursos de patinaxe para nenas e nenos e máis no curso de defensa persoal feminina. As persoas interesadas poden inscribirse nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira hoxe de 9 a 13,30 horas e de 16,30 a 19 horas e mañá de 9 a 13,30 horas.
 
18-12-2019 -

A Casa da Cultura acolle este xoves o espectáculo As armadanzas, na punta do pé

O salón de actos da Casa da Cultura acollerá este xoves 19 de decembro, ás 18 horas, o espectáculo “As armadanzas, na punta do pé”, pensado para un público familiar e rapaces e rapazas de entre 6 e 11 anos. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.