Novas

26-11-2019 -

O Concello presenta este mércores o proxecto de dinamización turística Fene Mar Vivo II

O concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello de Fene presentará este mércores, 27 de novembro, o proxecto “Fene Mar Vivo II”.

Será a partir das 20 horas no salón de plenos da casa consistorial, nun acto aberto á veciñanza e tecido asociativo que presidirá o alcalde, Gumersindo Galego. Precisamente, o edil sinala que se trata dun proxecto vivo, tamén na súa filosofía, polo que convida ás entidades e asociacións a achegar as súas propostas na xuntanza de mañá.
26-11-2019 -

O Concello de Fene inaugura no CEIP Os Casais e na unitaria de Sillobre as sesións de contacontos-obradoiro sobre igualdade

No marco das actividades de prevención da violencia machista e promoción da igualdade en torno ao 25 de novembro, a Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro programa un total de 10 sesións de contacontos-obradoiro para o alumnado de Infantil e 1º e 2º curso de Educación Primaria (nenas e nenos de 3 a 9 anos). No día de onte celebrábanse as primeiras sesións no CEIP Plurilingüe Os Casais e na unitaria de Sillobre, e a programación continuará durante o mes de decembro: no CEIP Plurilingüe Centieiras o luns 2 de decembro, no CPI A Xunqueira o martes 3 de decembro; no CEIP Plurilingüe O Ramo o luns 9, e no colexio Jorge Juan o martes 10 de decembro.
25-11-2019 -

25 novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Machista

No que levamos de 2019, foron asasinadas 66 mulleres e 3 menores, e aínda hai máis asasinatos de mulleres en investigación. Os asasinatos conforman a máxima representación das formas de terrorismo machista que continúan sometendo ás mulleres en todos os ámbitos da súa vida, e que representan unha grave e sistemática vulneración dos dereitos humanos de máis da metade da poboación á nosa sociedade. Estas violencias teñen a súa orixe e núcleo na pervivencia dun sistema heteropatriarcal, presente en todas as estruturas da sociedade, que tolera a desigualdade e resto credibilidade e autoridade ás mulleres, mentres cosifica o seu corpo e consolida pautas culturais que transmiten e reproducen comportamentos discriminatorios e sexistas.
25-11-2019 -

Arrancan os obradoiros sobre o manexo do computador e móbil en Fene

Un total de 12 veciñas e veciños iniciaban a semana pasada na aula de informática municipal os obradoiros sobre o manexo do computador e sobre o uso do teléfono móbil. Gratuítos, prolongaranse ata o vindeiro mércores 27 de novembro.

As accións formativas están organizadas polo Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (INICE), en colaboración co Concello de Fene, e teñen unha duración de 12 horas. Este programa está subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
25-11-2019 -

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición na xornada formativa para asociacións sobre a tramitación de subvencións online

A Aula de Informática do Concello de Fene acollerá este venres unha xornada formativa dirixida ás entidades do municipio sobre a tramitación de subvencións a través da plataforma Subtel. Será de cinco a sete da tarde, con participación gratuíta e previa inscrición no correo catic@fene.gal.

O Concello de Fene e a Deputación da Coruña, conscientes das dificultades no eido asociativo para dar cumprimento aos requisitos de tramitación de subvencións a través das plataformas electrónicas habilitadas, organizan esta xornada formativa como unha medida de impulso e achegamento ás novas tecnoloxías.
22-11-2019 -

O Concello leva aos centros educativos actividades de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

A Concellería de Igualdade que dirixe Juana Barro inaugurará este luns 25 de Novembro, "Día Internacional pola Eliminación da Violencia cara á Muller", unhas sesións de contacontos-obradoiro para o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria (nenas e nenas de 3 a 9 anos).

"As Cores" é o nome do conto co que se pretende traballar de xeito dinámico temas tan importantes como a igualdade, a inclusión, o traballo en equipo, as emocións... transmitindo valores sempre a través do lúdico. Queda moito que traballar en tema de igualdade e de sensibilización, por exemplo, coa aprendizaxe da lingua de signos ou o respecto polos tempos e as necesidades de cada persoa e este contacontos foi creado precisamente para sensibilizar diso dende as primeiras idades.
21-11-2019 -

Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira asinan a mostra colectiva “Sinerxia 1+1=3” que se inaugura este venres en Fene

A Casa da Cultura de Fene estrea exposición este venres. Leva por título “Sinerxia 1+1=3” e está integrada por unha selección das obras de pintura, fotografía e escultura de Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira. Aberto á veciñanza, o acto de inauguración terá lugar este venres ás 18,30 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa asistencia dos creadores. A partir de entón, poderá visitarse na sala de exposicións temporais ata o 27 de decembro.
21-11-2019 -

Cabanas e Fene conclúen as obras de implantación da tecnoloxía LED no alumeado público do polígono de Vilar do Colo

O concelleiro de Promoción Económica de Fene, Juan José Franco, informou esta mañá da conclusión dos traballos para a renovación das infraestruturas de alumeado público exterior no polígono industrial de Vilar do Colo. Unha intervención que requeriu dun investimento superior aos 63.000 euros e que, na práctica, supuxo a implantación da tecnoloxía LED en toda a rede pública de alumeado da zona industrial. Así, procedeuse á renovación de 221 lámpadas de vapor de sodio e á revisión e mellora de 9 cadros eléctricos e máis as acometidas.
 
20-11-2019 -

En marcha as obras de mellora da rede de saneamento na rúa paralela a San Estevo

O alcalde, Gumersindo Galego, informou de que o Concello de Fene está a levar a cabo obras de mellora da rede de saneamento na rúa paralela a San Estevo, en Perlío, cun investimento de 47.809,47 euros. A intervención, engadiu, arrancaba este mes cun prazo estimado de execución de 60 días, e financiarase con cargo ao superávit municipal.
 
19-11-2019 -

Aberta a inscrición no obradoiro “A saúde: unha cuestión de xénero”

 A Concellería de Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, vén de abrir o prazo de inscrición no obradoiro gratuíto “A saúde: unha cuestión de xénero”. Pode formalizarse nos teléfonos 981 34 26 07 e 981 49 27 06, no email smam@fene.gal ou presencialmente no Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. Do Mar Bloque 1, baixo San Valentín). Consta de dúas sesións de cinco horas, e celebrarase os días 9 e 11 de decembro, de 16,30 a 19 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.