Novas

01-10-2019 -

Sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Amigos de Galicia

 O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, asinou coa Fundación Amigos de Galicia un convenio de colaboración por importe de 7.000 euros. A través do mesmo, a entidade social levará a cabo accións de atención ás persoas en risco de exclusión social do municipio.

A entidade ten entre os seus principais fins cubrir as necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas, ademais de procurar a integración social e laboral das mesmas, co fiel propósito de evitar a súa exclusión social.
30-09-2019 -

Fene entrega os premios do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, presidiu o venres pola tarde o acto de entrega dos premios da XXIII edición do Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene. Uns galardóns que recaeron en Asier Sanz Nieto (1º premio Curuxa Gráfica categoría para maiores de 25 anos) e Javier Jareño López Cuervo (1º premio Curuxa Nova de 16 a 25 anos). Así mesmo, Sandra Lodi e Beatriz Rodríguez Gregores eran merecedoras do segundo premio na categoría Gráfica e Nova respectivamente.
30-09-2019 -

O Concello inicia o acondicionamento das gradas anexas á nova pista cuberta municipal de Centieiras e avanza a reforma da entrada

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá do inicio das obras de acondicionamento das gradas anexas á nova pista cuberta de Centieiras, en Perlío. Unha intervención orzamentada nuns 40.000 euros necesaria polo estado de deterioro das instalacións. Estase a proceder á súa limpeza, aplicación dunha capa de fibra e formigonado. Así mesmo, os seus laterais cubriranse con madeira para manter a estética da recén estreada cuberta instalada polo Concello. Cuberta na que se investiron outros 300.000 euros procedentes do superávit, e que deron resposta a unha demanda da comunidade educativa longamente reivindicada.
27-09-2019 -

Rematado o rebacheo e aglomerado da estrada da Palma ao seu paso por Barallobre

A Xunta de Galicia, a instancias do Concello de Fene, concluíu a semana pasada os traballos de rebacheo e aplicación dun microaglomerado asfáltico na estrada da Palma ao seu paso por Barallobre. Unha intervención de mellora do vial co que se busca reforzar a súa seguridade para peóns e conductores, xa que nos últimos catro anos téñense rexistrado varios sinistros. Unha situación que levaba ao alcalde, Gumersindo Galego, a trasladar á Xunta, titular da vía, a necesidade de proceder a esta intervención.
27-09-2019 -

Entrega dos premios do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene

O Museo do Humor de Fene acollerá este venres 27 de setembro o acto de entrega dos premios da XXIII edición do Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene. Un acto con entrada libre que dará comezo ás 19 horas coa recepción ós/ás gañadores/as do certame, continuará coa inauguración da exposición “Premios Curuxa 2019” e, sobre as 20 horas, arrancará a entrega formal dos galardóns, concluíndo coa actuación do humorista David Perdomo.
26-09-2019 -

O Concello dará resposta á demanda histórica de acondicionamento do camiño de Ameneiro

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá que o Concello procederá ao aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre, cun investimento de 44.060 euros. Investimento que a Administración local financiará ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Unha intervención que, como lembrou o rexidor, supón unha demanda histórica dos veciños e veciñas de San Marcos, pero ata o momento incumprida polas limitacións que traía consigo a presenza dunha árbore centenaria na zona, sita en propiedade privada. Tras décadas de inacción, en 2018, a Concellería de Servizos que dirixía o popular Andrés Serantes realizaba unha pequena intervención e, ao final da pasada lexislatura, o goberno de Gumersindo Galego incluía a actuación agora en contratación nesta liña de axudas. Para iso, establecía neste punto o aglomerado nun ancho de vial inferior á previsión do Plan Xeral de Urbanismo, pero con marxe suficiente para garantizar a circulación polo mesmo e dar solución ao seu grave estado de deterioro.
26-09-2019 -

Teatro Calavera transforma a biblioteca de Fene nun contacontos con cociña

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé comeza mañá o ciclo de actividades co que conmemora o Día Internacional da Biblioteca. Arranca este ciclo co espectáculo Antón e Tomasa en “A Cabaza Encantada”, que terá lugar mañá, 27 de setembro, ás 18 horas. Trátase dun contacontos dirixido a nenos de 4 a 8 anos que remata cun obradoiro de cociña que rompe os estereotipos de xénero.
25-09-2019 -

O Museo do Humor acolle este venres a entrega dos premios do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene

O alcalde, Gumersindo Galego, presidirá este venres 27 de setembro o acto de entrega dos premios da XXIII edición do Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene. Un acto no Museo do Humor de Fene que dará comezo ás 19 horas coa recepción ós/ás gañadores/as do certame, continuará coa inauguración da exposición “Premios Curuxa 2019” e, sobre as 20 horas, arrancará a entrega formal dos galardóns, concluíndo coa actuación do humorista David Perdomo. A entrada é libre e dende a Concellería de Cultura, a edil de área, Rocío Bértoa, anima á veciñanza a acudir ao mesmo.
24-09-2019 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este mércores

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase esta semana a Fene. Permanecerá diante do centro de saúde este mércores 25 de setembro de 9,30 a 14,30 e de 15,30 a 21,00 horas. Nesta liña, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
24-09-2019 -

Por+Vida regresa da VII Carreira da Muller co primeiro premio á participante máis veterana e o segundo á asociación con máis participantes

Por+Vida participaba o pasado domingo, na cidade herculina, na 7º edición da Carreira da Muller sendo tamén a súa sétima participación. Para iso, contaba coa colaboración do Concello de Fene, como vén sendo habitual nos últimos seis anos, con dous autobuses para o desprazamento para a carreira.