Novas

01-08-2018 -

O Concello renova a cuberta e acondiciona o exterior da caseta do parque lineal do Cádavo

O Concello de Fene, a través da Concellería de Servizos, vén de concluír os traballos de acondicionamento da caseta do parque lineal do río Cádavo. As tarefas, nas que a Administración local investiu uns 4.000 euros, consistiron na renovación da cuberta e o pintado do inmoble, así como labores de barnizado da mesa emprazada no lugar. Traballos nun espazo moi concurrido pola veciñanza de Fene, tanto mozos e mozas como persoas maiores que teñen neste lugar un punto de encontro habitual.
31-07-2018 -

O Concello de Fene abre a inscrición nunha serie de obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías dirixidos principalmente a mulleres

A iniciativa enmárcase na relación de colaboración co Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas e busca incidir na formación para unha mellor incorporación da muller ós novos sectores de emprego
31-07-2018 -

O Concello de Fene aproba os seus primeiros orzamentos nos últimos tres anos

En catro meses, o goberno municipal de Fene chegaba ó pleno extraordinario celebrado onte coa súa proposta de orzamentos para o presente exercicio. Unhas contas que saían adiante cos votos favorables do executivo municipal integrado por PP e Somos Fene e que ascenden a 10.640.588,60 euros. Unha cifra que superará os 13 millóns unha vez se contabilicen as subvencións e achegas procedentes doutras administracións como Deputación e Xunta. A edil de Facenda, Rocío Bértoa, destacaba que son os primeiros orzamentos que o Concello aproba nos últimos tres anos, o que lle permitirá deixar atrás unhas contas prorrogadas que non fan máis que lastrar a xestión municipal. Aínda así, é consciente do escaso periodo de vixencia que terá o documento mestre da xestión municipal, polo que traballa en paralelo na elaboración dos orzamentos para o 2019, de modo que entren en vigor en plazo, o 1 de xaneiro.
30-07-2018 -

O Concello pon en marcha en agosto clases gratuítas de ximnasia ó aire libre

O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, informou esta mañá de que o Concello porá en marcha clases gratuítas de ximnasia de verán ó aire libre. As sesións arrancarán este mércores, 1 de agosto, e celebraranse ata o día 31 todos os luns, mércores e venres laborables en horario de 9,30 a 10,30. O escenario elixido será o paseo marítimo de San Valentín, xunto ó pavillón da Xunqueira e, no caso de choiva, as clases trasladaranse ó interior do recinto deportivo.
27-07-2018 -

Fene celebra este domingo a Romaría de Santa Ana

Concello e tecido asociativo unen forzas e recuperan, 23 anos despois da última celebración, a Romaría de Santa Ana. O edil de Promoción Económica, César Castro, avanza que será este domingo, 29 de xullo, cun programa que arrancará ás 11 horas. É a hora sinalada para que as persoas interesadas en acudir á cita se reúnan na casa consistorial, xa que dende alí partirán cara a capela.
26-07-2018 -

O Concello pon en marcha o proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha durante o mes de agosto o Proxecto Indira, Encontros de Mulleres. Dita actividade vai dirixida principalmente a mulleres que sufriron violencia machista aínda que pode participar calquera muller que quera mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, crecer persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse. Para participar é preciso inscribirse previamente achegándose ao Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. do Mar, Bloque 1-baixo en San Valentín); chamando por teléfono (981 342 607 ou 981 492 706); enviando un correo electrónico (servizos.sociais@fene.gal co asunto INSCRICIÓN INDIRA e indicando nome e apelidos e teléfono de contacto).
26-07-2018 -

O cantante Enrique Ramil comparte as súas experiencias no programa Mocidade Activa que impulsan Fene, Mugardos e Neda

Enrique Ramil, cantante aresán ex concursante de Operación Triunfo e, máis recentemente de Factor X, fixo unha parada na súa xira de concertos por toda España para visitar onte pola mañá en Fene ós rapaces e rapazas que participan no programa Mocidade Activa. Un programa que impulsan conxuntamente os concellos de Fene, Mugardos e Neda e que nace para fomentar hábitos saudables e alternativas enriquecedoras entre a mocidade, que deixen ó marxe condutas aditivas.
24-07-2018 -

Conferencia este xoves de Vicente Araguas, Henrique Sanfiz e Carlos Neira sobre a historia da capela e romaría de Santa Ana

O escritor Vicente Araguas; o historiador e director de RadioFene Henrique Sanfiz e o ex concelleiro fenés Carlos Neira, descendente da familia que ergueu a capela de Santa Ana, serán os ponentes da conferencia arredor da romaría de Santa Ana que o Concello organiza este xoves, 26 de xullo, no salón de plenos da casa consistorial de Fene a partir das 20 horas. Unha conferencia que servirá tamén de carta de presentación da cita, que terá lugar o domingo, 29 de xullo, despois de 23 anos sen celebrarse. Polo de pronto, este xoves, a veciñanza está convidada á conferencia, na que os tres ponentes abordarán os vínculos da capela de Santa Ana co Camiño Inglés, falarán das referencias á historia da propia capela e tratarán recordos familiares.
24-07-2018 -

A unidade móbil de doazón de sangue desprázase a Fene este xoves

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase este xoves, 26 de xullo, a Fene. Permanecerá diante do centro de saúde en horario de mañá –de 9,30 a 14,30 h- e de tarde –de 15,30 a 21 h- e, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
24-07-2018 -

Homenaxe póstumo a don Elías Seoane Ramírez, párroco de Barallobre durante 63 anos

A parroquia de Barallobre acollerá este xoves, 26 de xullo, unha sentida homenaxe póstuma a don Elías Seoane Ramírez, o que fora o seu párroco durante 63 anos, entre o 20 de decembro de 1953 e o 15 de setembro de 2016. Coincidirá coa procesión do Carmen, sobre ás 10,30 horas, nada máis rematar a misa, e terá lugar fronte á casa reitoral. Presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, á cita confirmou a súa asistencia o vicario territorial da Coruña, José Luis Veira Cores, e no transcurso da mesma está previsto descubrir un monolito en lembranza de don Elías.