Casa da Maleta

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa da Maleta
Barallobre

A Casa da Maleta, tamén coñecida como Casa do Adriano, foi construída no ano 1921 por Antonio Fernández Fernández quen fora emigrante en Cuba.

Edificada a carón do Camiño da Vrea nun terreo en pendente duns 1.250 metros cadrados dos que a vivenda ocupa uns 120 metros cadrados, ten unha peculiar planta en forma de frecha presentando un total de oito fachadas. Esta característica responde ao feito de que o modelo traído de América que se tomou para a edificación estaba inicialmente concibido para ser localizado nunha esquina. Ten dúas plantas dedicadas ambas a vivenda.

Sen dúbida é esta unha das edificacións indianas máis relevante e singular do concello. Dende o punto de vista construtivo trátase dunha das primeiras edificacións da comarca nas que toda a estrutura, tanto horizontal como vertical, esta feita a base de formigón. Pero o que a primeira vista destaca máis, xunto coa configuración da súa planta, son os miradoiros do primeiro andar e da terraza así como a cúpula nervada coroada pola estatua da maleta tamén situada na terraza da cuberta, que é plana.

Os dous miradoiros están un sobre o outro, e teñen forma de balcón circular. Toda a estrutura dos balcóns está apoiada nunha gran columna troncocónica de capitel palmiforme. Tamén singulariza a esta edificación a rica ornamentación, tanto exterior como interior.