Itinerario Río Va

Inicio   Que facer   Rutas   Itinerario Río Va

O Seixo-Val do Boado-Pumido. Embocadura e leito baixo do río Va

Comeza o percorrido na vila romana de Noville a 1 quilómetro da vila do Seixo, en dirección a Mugardos. Accédese desde a estrada O Seixo-A Pedreira por un camiño que chega á ribeira desde o lugar do Monte (500 metros).

Faise o camiño de volta e no cruce do Monte cóllese a pista da esquerda que nos leva a Beiramar (Parque e Pista da Sociedade de Amigos da Paisaxe do Seixo). Estamos no lugar onde o río Va verte as súas augas á ría de Ferrol (400 metros).

Sáese cara á esquerda e chégase a un pequeno parque infantil que cobre tamén o río. Ao remate do parque está a embocadura (300 metros).

Seguindo pola esquerda chégase á rúa do Seixo. Para proseguir o itinerario fluvial hai que coller á dereita, en dirección á Gallada. Sóbese por esta estrada e enfronte da Fonte dos Anxos sae, pola esquerda, o camiño dos muíños, que nos achega, a través dunha zona frondosa, ao leito do río en Boado de Abaixo. Tamén se pode continuar pola estrada da Gallada até A Penela e baixar por un carreiro até o camiño sinalado. Outra alternativa máis doada é seguir a estrada de Xunceda e a pista de Boado, na zona dos chaléts (600 metros).

Continúa o percorrido pola pista de Boado, que discorre neste tramo pola marxe esquerda do río. Na encrucillada de Boado de Arriba hai que coller á esquerda e continuar polo camiño da fonte de Boado (marxe esquerda do río), obstaculizado por un dos moitos peches ilegais 200 metros augas arriba. Outra posibilidade é seguir pola marxe dereita (camiño da lancha), que nos levará até o final deste itinerario no parque fluvial da Pena, a carón da estrada da Palma (1.300 metros).

Maniños-San Xoán. Leito medio do río Va

O percorrido principia no parque fluvial da Pena, ao que se accede desde a estrada da Palma, preto da ponte de Maniños. Continúase a camiñada pola marxe esquerda do río até chegar a Soutelo Vello (300 metros).

A partir deste punto unha vexetación mesta dificulta o avance pola beira do río, máis doado é seguir á dereita da pista do Pote, continuar por diante do campo de fútbol e dirixirse ao lugar de Sar. Neste punto atravésase o río pola ponte da Pedra (1.000 metros).

Aquí, nunha zona de vexetación espectacular, o camiño arrédase do río pola marxe dereita e achégase ao trazado do ferrocarril. Atravesa a vía e segue un anaco o Camiño Real de Laraxe a Ares. O río do Leiro e o muíño de Arxel, xunto coa vexetación abondosa son elementos que fan pracenteiro este contorno (600 metros).

Nesta zona cómpre coller unha pista á esquerda que conduce á Armada. Séguese a estrada de Penalonga-Limodre cara á esquerda e chégase ao parque de Piñeiro, onde a fonte de Barreiro (500 metros).

A Armada-Prismos-Laraxe. Leito alto do río Va

Desde o parque de Piñeiro, nun primeiro tramo, construcións e peches á beira do río impiden remontar o seu leito, polo que cómpre seguir uns metros na estrada cara a Limodre e coller á esquerda o camiño da Corredoira e, en chegado á primeira encrucillada, desviarse cara á esquerda. Lévanos este camiño ao lavadoiro de Va e devólvenos á beira do río (500 metros).

Outra alternativa para camiñar sen atrancos é seguir cara ás casas de Armada e dirixirse á dereita pola pista en dirección ao Colexio Público dos Casais. Neste percorrido a pista discorre afastada do leito. Uns 200 metros máis arriba atopamos a encrucillada que leva a Romariz. Hai que continuar pola esquerda seguindo unha estrada da Deputación. Segue a pouca distancia o leito do Va pola súa marxe dereita, pasa o límite do polígono industrial Vilar do Colo no perímetro sur e comunica coa estrada Ferrol-Betanzos, en Laraxe (1.000 metros).

Á metade do percorrido, un camiño cara á dereita lévanos ao muíño de Solís, onde tanto o leito do río como a construción tradicional sufriron abondosas alteracións. Pola marxe esquerda do Va vemos un monte de forte pendente. Subindo un camiño que o vai arrodeando, a uns 300 metros, chégase ao castro de Prismas.

Para continuar o itinerario cómpre volver á estrada da Deputación e seguir á dereita. Ao pouco entramos na zona do polígono industrial, onde atoparemos o río e o entorno moi alterados. Para chegar preto do nacente é preciso atravesar a estrada xeral e seguir a pista por entre as casas de Laraxe até o río dos Carneiros (200 metros).

Desde este punto, onde o río ten un caudal propio dun regato, pódese continuar uns 300 metros até a fonte dos Carneiros, onde se sitúa o nacente do río Va.