Felipop

Inicio   Que facer   Festas e festivais   Felipop

Segunda fin de semana de agosto. Limodre. Parque da Hortiña.

A principal razón da existencia do FELIPOP, que se celebra na parroquia de Limodre dende 1999, normalmente no segundo fin de semana de agosto, é a de dar cabida a proxectos musicais e artísticos principalmente, pero non unicamente, debedores da psicodelia, do power pop e da música dos anos 60 e 70.

Tratase dun festival único, cun ambiente case familiar, un público que ama a música e a melodía (A melodía é o importante é o lema do festival) e unhas peculiaridades que o fan realmente entrañable. Resulta estilisticamente coherente e estrito: se cadra a xuntanza de grupos pop con máis personalidade das que se realizan en Galicia. As chamadas “bandas tributo” están non só mal vistas, senón totalmente prohibidas.

É un festival totalmente atípico, de orzamento modesto, no que te sentirás como na casa, xa que a amabilidade e o bo trato son marca da casa. A interacción entre organización, público e músicos é o que o converte nun festival totalmente máxico, diferente e ao que todos queren volver cando o coñecen.

Esa conxunción de bo gusto, trato familiar, actitude positiva (natural, non de postal), imaxinación e prezos módicos, fai desta cita un sopro de aire fresco no cada vez máis masificado mundo dos festivais musicais.

Asociación Felicia